O Espazo Aberto Antimilitar lanza outro ano máis a campaña pola Obxección Fiscal aos Gastos Militares (OFGM) baixo o lema: "Os teus impostos matan, ti podes desarmalos". Como cada ano vos propoñemos destinos alternativos aos que enviar os cartos, este ano ademais do propio Espazo son: A Ría Non Se Vende e a Asociación Revolucionaria de Mulleres de Afganistán (RAWA).
"Os teus impostos matan, ti podes desarmalos".
Coa que está caendo (crise económica e os conseguintes recortes sociais), o Goberno vai empregar (como mínimo) a cantidade de 18.160,89 millóns de euros en gasto militar. Cantidade que, obviamente, aportamos todas vía impostos; cantidade que NON será dedicada a pensións, ensino, sanidade ou subsidios, por poñer algúns exemplos.
Esta inversión continuada, descomunal e disparatada en investigación militar, armamento e en manter un exército cada vez máis expedicionario, non contribúe en absoluto a mellorar a seguridade de ninguén. Antes ben, supón un risco para a existencia da vida, e do mesmo planeta.
Programas coma o HAARP* estadounidense, consistente na manipulación da propia atmosfera para poñela ao servizo da eficiencia militar, poñen en evidencia que este risco non é unha hipótese posíbel nun futuro lonxano, senón que é unha realidade plenamente actual.