A UME é o último coello que sacou da chistera (ou do quepis) Zapatero. Non imos negar que a Unidade Militar de Emerxencias poida facer o seu traballo con profesionalidade e/ou abnegación. Diso ben sacan peito políticos e militares. Pero a santo de que vén tanto autobombo? É que bombeiros e brigadas de extinción de incendios non son profesionais e non traballan con entrega e sacrificio ante situacións moi duras? É curioso, pero aínda que haxa decenas de brigadas de persoal civil apagando un lume ou buscando un cadáver nun río, cada vez que a UME despraza un camión cisterna ou unha unidade calquera a facer calquera cousa iso é noticia no telexornal e o outro non. É que eles -os militares- ao igual que os bombeiros, non o fan por un soldo? Os militares da UME acaso apagan o lume gratis?

etiquetas: 

Non é certo que os exércitos se dediquen preferencialmente a tarefas humanitarias. Segundo datos do propio Ministerio Español de Defensa só un 1% do gasto da misión en Afganistán, que é cuantiosa, emprégase en axuda humanitaria. Investimento que lles sae ben a conta, xa que é a escusa perfecta para realizar unha publicidade enganosa con respecto ao que os militares realmente fan alí.

etiquetas: 

Non é certo que as tropas occidentais presentes no terceiro mundo estean "a manter a paz", por moito que os políticos pretendan enganar á opinión pública utilizando esta terminoloxía deseñada en coidadas campañas de mercadotecnia. Na maioría destes países as tropas directamente están facendo a guerra.

En Iraq non había guerra ningunha ata que desembarcaron as nosas tropas a "manter a paz".

etiquetas: 

Certo é que o ordenamento xurídico, comezando pola Norma Máxima que é a Constitución, consagra a existencia das Forzas Armadas. Iso acontece no noso país e en case todos os do mundo (agás os que non teñen exército), sexan "democracias" ou ditaduras de esquerda ou dereita.

etiquetas: 

É falso que os exércitos dos países do primeiro mundo estean para "defender á patria" como adoita dicirse nas súas respectivas constitucións. Hoxe por hoxe a guerra entre estados soberanos só sucede no terceiro mundo, e practicamente sempre a instancias dalgunha potencia occidental que ten intereses económicos para as súas empresas na zona, ou dalgunha multinacional de armamento que decidiu que debe dar saída aos seus stocks con axuda de gobernos locais subornados e corruptos.

etiquetas: 

Deixando de lado a desconsideración que o termo "mouros" e a mesma idea formulada supón para coas poboacións do Norte de África, tal mito parte dun profundo descoñecemento de Historia e Xeopolítica.

Na Idade Media (os tempos do Guerreiro do Anteface, dos que parece escapado o concepto da "invasión dos mouros") os diferentes estados pugnaban pola hexemonía e iso facíano a base de guerras cruentas entre reinos co fin de conseguir máis territorio. Tal cousa foi evolucionando pouco a pouco ao longo de toda a Idade Moderna, e xa a partir da Segunda Guerra Mundial o territorio deixou fundamentalmente de ser un factor de poder e riqueza de tal forma que a día de hoxe pode ser máis rico e próspero un pequeno estado sen materias primas como Holanda, que un grande estado que si as ten como Sudán ou Congo. Os estados dende entón seguiron pugnando por ser máis "ricos" ou potentes que os veciños, pero a batalla realizouse en terreos económicos e non trazando liñas nos mapas.

etiquetas: 

O 20 de febreiro do 1989 presentábanse en Bilbao os primeiros insubmisos ao Servizo Militar Obrigatorio, iniciábase así unha estratexia de desobediencia que durante 12 anos de actividade deu lugar a que 25.000 rapaces se declarasen insubmisos, dos cales 1.670 pasaron pola cadea.

Agora no 2009 queremos lembrar o que foi esa loita, na que moitas galegas participaron solidaria e activamente.

Non é certo que os exércitos sexan imprescindibles tal como están as cousas no mundo. De feito esa é unha idea pesimista e alarmista que fan circular os que están interesados en que o mundo siga sendo como é e non cambie, tratando de que cale na sociedade, que a xente teña medo e estea a favor da existencia de todo tipo de institucións armadas supostamente defensivas.

etiquetas: 

Páxinas