You are here
Mentira 6 - "Grazas ao exército español a paz mantense en moitos lugares do mundo"
Non é certo que as tropas occidentais presentes no terceiro mundo estean "a manter a paz", por moito que os políticos pretendan enganar á opinión pública utilizando esta terminoloxía deseñada en coidadas campañas de mercadotecnia. Na maioría destes países as tropas directamente están facendo a guerra.
En Iraq non había guerra ningunha ata que desembarcaron as nosas tropas a "manter a paz".
En Afganistán había unha guerra de baixa intensidade e moi localizada na fronteira norte. As operacións militares occidentais de "mantemento da paz" xeraron en ambos os dous estados unha guerra total que dura anos e anos, na cal a maioría das vítimas son civís. E así se podería seguir conflito por conflito.
A Líbano as tropas chegaron cando xa non había operacións bélicas, e coa única misión de substituír ás anteriores tropas israelís invasoras.
A guerra de Kosovo iniciouna EUA creando e financiando unha guerrilla independentista chamada UCK, o cal lle serviu de pretexto para bombardear -ilegalmente segundo a ONU- a ExIugoslavia (por certo con axuda dunha escuadrilla de cazabombardeiros españois). Tras a rendición de Serbia ocupouse militarmente Kosovo, non para manter ningunha paz senón para facilitar a súa independencia e convertela nun estado satélite e auténtico portaavións de EUA na zona.
Na guerra de Bosnia tres cuartos do mesmo. As tropas da ONU (entre elas as españolas deixaron podrecerse a mazá mirando para outro lado cando os serbios e croatas realizaban as súas matanzas ata que EUA decidiu que chegara o momento de cobrarse a peza e desmembrar o país ao seu interese etc etc.
Non se trata de xustificar os diferentes "status quo" de todos estes lugares previos á chegada dos exércitos occidentais invasores, pero si de dicir en voz moi alta que é totalmente falso que tales institucións armadas teñan o máis mínimo interese altruísta na Paz nin como concepto nin como realidade. Non hai caso no que non se demostre algún inconfensable interese económico nestas aventuras bélicas, iso si, vendidas e publicitadas á opinión pública como xenerosos esforzos en favor dunha poboación tiranizada. O único certo é que as operacións mal chamadas "de mantemento da paz" supoñen cruentas guerras para nada desexadas polas diferentes poboacións civís locais, as cales se converten masivamente nas súas vítimas silenciadas.