Desde hai varios anos véñense celebrando anualmente en varias cidades do estado español os chamados festivais aéreos, consistentes no desfile de unidades do exército de aire, a mariña, o corpo de paracaidistas, así coma pilotos civís de acrobacias e unidades de bombeiros e salvamento.
Consideramos que este tipo de eventos, presentados ante a cidadanía como atracción turística, son en realidade actos de propaganda dos exércitos e as forzas militares para mellorar a súa imaxe pública e diminuír a percepción negativa que a sociedade ten deles.
A atracción que supón a observación de acrobacias ou de alta tecnoloxía úsase coma escusa para achegar á sociedade o poder militar do estado español coma algo positivo. Mentres tanto continúa habendo presenza militar en conflitos internacionais e seguen exportándose armas a países onde non se respectan os DDHH, converténdose así en cómplice das guerras que ocorren noutros países afastados do noso.
Alén diso estamos nun contexto de crise económica no que se lle pide á cidadanía facer un esforzo e, por iso, recórtase o orzamento para prestacións básicas, servizos públicos ou cooperación ao desenvolvemento. Mentres tanto o gasto en investigación militar e en mantemento do exército segue sendo moi superior ao gasto en educación, servizos sociais, administración pública (funcionariado) e pensións.