desarma


O sábado 30 de maio, diversos grupos e colectivos convocamos baixo o berro: “Por unha cidade libre de militares”. Nesa xornada, animamos a participar na manifestación que sairá ás 12:00 h desde Vía Norte, en Vigo.

Fronte á militarización da cidade co gallo da celebración do Día das Forzas Armadas, chamamos á mobilización colectiva. Nós participaremos dentro do bloque dos movementos sociais, no marco da campaña “Desarma Vigo”.

Reproducimos a continuación o derradeiro parágrafo do manifesto da campaña, co que tamén queremos convidar á participación:

“Fronte a este estado de cousas, cómpre volver poñer en valor as tradicións emancipadoras e os valores universais que forman parte da nosa cultura política, como o antimilitarismo, nunha cidade de longa traxectoria reivindicativa. Neste sentido, desde o Espazo Aberto Antimilitar, facemos un chamamento á opinión pública a organizarse para opoñerse ao avance da militarización da nosa cidade e da sociedade en xeral e, en particular, a rexeitar que Vigo se converta no escenario da celebración do Día das Forzas Armadas”.

Penduramos o audio da charla de Rafael Ajangiz, profesor de Ciencia Política na Euskal Herriko Unibertsitatea (UPV/EHU) e autor da publicación Servicio militar obligatorio en el siglo XXI, editada polo Centro de Investigaciones Sociológicas (CIS). Ademais, foi militante do Movemento de Obxección de Conciencia (MOC) entre 1982 e 1998 e membro do consello da Internacional de Resistentes á Guerra (IRG) entre 1994 e 1998.

A charla, celebrada o 23 de maio, está incluída na campaña “Desarma Vigo. Por unha cidade libre de militares”, organizada polo Espazo Aberto Antimilitar durante este mes de maio en oposición á celebración do Día das Forzas Armadas, que culminará o vindeiro 30 de maio cun desfile militar polas rúas de Vigo.

A continuación deixamos o audio da conferencia de Juan Carlos Roig (colaborador do Grupo Antimilitarista Tortuga e analista do gasto militar) impartida no marco das xornadas "Desarma Vigo" denunciando o desfile do Día das Forzas Armadas 2026, na que se pon de relevo o rearme do Estado español e o seu papel nas estruturas militares europeas, co telón de fondo do réxime de guerra.

Podedes escoitalo en archive: https://archive.org/details/9-de-maio

etiquetas: