Desarma Vigo


Achegamos o texto de presentación da campaña “Desarma Vigo”, impulsada polo Espazo Aberto Antimilitar, que busca o apoio de colectivos e persoas que rexeiten os actos de celebración do Día das Forzas Armadas 2026 na nosa cidade.

Os grupos e colectivos que desexen sumarse á campaña —da que iremos informando sobre os diferentes actos— poden facelo enviando un correo electrónico a espazoantimilitar@riseup.net.

A continuación presentamos o texto da campaña "Desarma Vigo":

O vindeiro 30 de maio, Vigo acollerá, segundo nos anuncian, o acto central do Día das Forzas Armadas. Un desfile militar que toma ao asalto a cidade precisamente no momento oportuno. Xusto cando os tambores de guerra regresan para excitar os ánimos cunha banda sonora xa coñecida por vella, aínda que igualmente efectiva: a celebración da barbarie.

A secuencia xa a coñecemos. A crecente militarización do mundo, nun contexto de auxe da dereita máis extrema en todas as súas formas, serve como ferramenta de control e sometemento. Ao tempo que o desastre como horizonte vital e a falta de calquera tipo de certeza -esa forma de nós referir ao medo- son a consecuencia lóxica dun sistema inxusto que se perpetúa mediante o uso da violencia. Un marco conceptual que apela a unha sorte de nova guerra fría como elemento común á crise de gobernabilidade xeneralizada.

Ao punto de que o predominio da razón xeopolítica está detrás tanto do estado de guerra permanente como do declive medioambiental. Do déficit democrático como do colapso ecosistémico. Da mesma maneira que a inseguridade levada sobre o terreo se manifesta por medio de axendas políticas que criamos obsoletas mais que retratan un presente sombrío.

No plano local, a reinvención da cidade a través dun exercicio de marketing político, converteu o espazo público nun lugar carente de vida, substituída polo consumismo e o mal gusto. Na estela doutras urbes, onde a terciarización da economía deu paso a un ermo, Vigo aparece hoxe como obxecto e como representación do peor a través da mirada dos turistas.

Pero a presenza do militar na nosa cidade non se limita a este acto puntual, senón que estamos a vivir  unha reconversión en toda regra cara á industria da guerra. Á construción de buques e patrulleiras, xa habitual, nos estaleiros de Bouzas e Teis, súmase agora o desembarco de Indra, coa instalación dunha planta de fabricación de chips en Valadares e dun “centro de excelencia aeroespacial e de defensa” no chamado “hub TIC” de Zona Franca en López Mora, ademais da aparición da “primeira aceleradora empresarial do estado especializada en seguridade e defensa”, impulsada por Zona Franca e ASIME. Unha deriva cara ao militar na que o sector industrial vai da man da Universidade, encargada de fornecela de persoal e desenvolvemento tecnolóxico, esquecendo, parece ser, que un dos fins da Universidade de Vigo, recollidos nos seus estatutos, é o fomento da paz.

Fronte a este estado de cousas, é preciso volver a pór en valor as tradicións emancipadoras e os valores universais que fan parte da nosa cultura política, como é o antimilitarismo, nunha cidade de longa tradición reivindicativa. Neste sentido, dende o Espazo Aberto Antimilitar, facemos un chamamento á opinión pública a se organizar para se opoñer ao avance da militarización da nosa cidade e da sociedade en xeral e, en particular, a rexeitar que Vigo se converta no escenario da celebración do Día das Forzas Armadas.

Espazo Aberto Antimilitar, marzo 2026

AdxuntoTamaño
Image icon desaramavigo.jpg138.03 KB