presentación


O xoves 7 de maio o Espazo Aberto Antimilitar presentamos a campaña pola Obxección Fiscal ao Gasto Militar no local de Árbore (López Mora 30, Vigo) ás 19h30.

O lema escollido para a campaña de Obxección Fiscal é "Desarma Vigo, desarma os teus impostos". No acto, ademais de dar conta dos motivos que nos levan a animar a obxectar ás guerras nas nosas declaracións da renda, reforzaremos o chamamento -que estamos a facer xunto con outros grupos e colectivos- a saír ás rúas da cidade para manifestar o rexeitamento á presenza de militares no mes de maio, co galo do Día das Forzas Armadas, que este ano celébrase en Vigo.

Na presentación resolveremos dúbidas sobre como facer a obxección fiscal e contaremos coa presenza de persoas dos grupos que propoñemos como destinos das obxeccións. Un deles é o colectivo de persoas sancionadas polas protestas durante a Volta Ciclista a España: máis de dúas ducias de persoas foron multadas en Galiza por participar nesta acción de denuncia contra o xenocidio que o Estado de Israel está a cometer contra o pobo palestino. Tamén contaremos coa presenza da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil, que ten en marcha unha recollida de fondos e material sanitario para enviar a Cuba en contedores de axuda médica.

O Espazo Aberto Antimilitar continúa coas charlas de presentación da campaña de Obxección Fiscal aos Gastos Militares 2015. Nesta ocasión o novo local de Árbore (López Mora 30 - Vigo) acollerá este acto o venres 29 de maio ás 20:30.

O Espazo Aberto Antimilitar convoca un acto de presentación da campaña de Obxección Fiscal aos Gastos Militares 2015. Será o venres 15 de maio ás 20:30 na parroquia do Cristo da Vitoria de Coia (r/Baiona 9, Coia - Vigo).

A obxección fiscal aos gastos militares é un acto de desobediencia civil que consiste en negarse a  colaborar co estado á hora de sufragar os gastos destinados á preparación de guerras, mantemento da estrutura militar, exército e outros corpos armados destinados ao control social.

Tecnicamente, desobedécese de forma activa no momento de realizar a declaración da renda, desviando unha parte dos impostos que nos cobran a un proxecto que traballe pola xustiza social.

Un deses proxectos, que o EAA propomos como destino da obxección este ano, é a Asemblea Aberta de Coia, que participará tamén na presentación da campaña facendo un repaso destes meses de loita na rotonda de Coia en contra da dilapidación de cartos públicos e da desfeita de políticas sociais.

Dende o Espazo Aberto Antimilitar seguimos, outro ano máis, animando a facer obxección fiscal en contra dos gastos militarizados. Deixamos o texto de presentación da campaña 2013:

O presuposto do Ministerio de Defensa para o ano 2013 é de 5.937 millóns de euros o que, sendo unha barbaridade, supón un descenso do 6,01 % con respecto ao ano anterior. De feito, o presuposto deste Ministerio leva baixando dende o ano 2000, redución que provoca certa inquietude e indignación entre os mandos e responsables militares. Con eses cartos non se pode matar case que nada nin mercar artefactos bélicos de última xeración! Así non hai quen defenda a unidade nacional nin organice desfiles vistosos! e outras queixas polo estilo (se ben, eles dino moito máis fino, que son xente preparada). Esta cantidade apenas dá para pagar os xornais de persoal! Persoal que, por certo, ascende a preto de 180.000 efectivos: 80.000 soldados e mariñeiros, máis de 54.000 (?) mandos, persoal civil e un número indeterminado de reservistas, que non se sabe moi ben para que serven, pero que están aí por se acaso.

Tan pobre é o exército español que para un tema tan importante como “misións internacionais” só se presupostan 14 millóns de euros (claro que no ano 2011 tamén estaban presupostados 14 millóns e a final de ano gastáranse 861).

Dende o Espazo volvemos a promover outro ano máis a campaña pola Obxección Fiscal aos Gastos Militares, que este ano centramos na industria militar: "Pola mesma razón que a industria do turismo necesita turistas, a industria armamentística precisa das guerras, dos conflitos e das amenzas á seguridade para colocar os seus produtos; necesita violencia, medo e mortos"

Deste xeito o venres 13 de abril convidamos a que asistades á charla-presentación que leva por título: "Industria militar, un negocio sen crise". Contaremos coa presenza de Jordi Calvo, membro do "Centre d'Estudis per a la Pau JM Delás de Justicia i Pau" que presentará o último informe "La banca armada. Inversiones explosivas de bancos y cajas" ademais de nos falar do negocio da guerra en España.

Ademais o acto servirá para presentar a campaña 2012 pola OF aos Gastos Militares que lanzamos dende o Espazo Aberto Antimilitar.

O pasado sábado 4 de abril, xuntámonos unha vintena de persoas convocadas polo Espazo Aberto Antimilitar no cruce de Príncipe con Colón, comezamos ás seis da tarde e estivemos alí ata as oito.

Durante o acto repartimos trescentos panfletos sobre o aniversario da OTAN e outros trescentos sobre os Gastos Militares para o 2010 e a Obxección Fiscal aos mesmos.

Co lema "Plantémoslle cara ás guerras, plantémoslle cara á OTAN" o espazo aberto antimilitar convoca un acto de rúa anti-OTAN co fin de presentar a campaña de Obxección Fiscal 2009. Este ano a campaña aproveita o 60 aniversario desta organización para poñer en evidencia as súas actuacións nestes anos.

O acto de rúa será o sábado 4 de abril ás 18.30 no cruce de Colón coa rúa do Príncipe.

Sábado 15 ás 18:00 Cruce de Colón con Príncipe.
Presentación Campaña 2008 contra o Gasto Militar e pola Obxección Fiscal.

Páxinas