O xoves 7 de maio o Espazo Aberto Antimilitar presentamos a campaña pola Obxección Fiscal ao Gasto Militar no local de Árbore (López Mora 30, Vigo) ás 19h30.
O lema escollido para a campaña de Obxección Fiscal é "Desarma Vigo, desarma os teus impostos". No acto, ademais de dar conta dos motivos que nos levan a animar a obxectar ás guerras nas nosas declaracións da renda, reforzaremos o chamamento -que estamos a facer xunto con outros grupos e colectivos- a saír ás rúas da cidade para manifestar o rexeitamento á presenza de militares no mes de maio, co galo do Día das Forzas Armadas, que este ano celébrase en Vigo.
Na presentación resolveremos dúbidas sobre como facer a obxección fiscal e contaremos coa presenza de persoas dos grupos que propoñemos como destinos das obxeccións. Un deles é o colectivo de persoas sancionadas polas protestas durante a Volta Ciclista a España: máis de dúas ducias de persoas foron multadas en Galiza por participar nesta acción de denuncia contra o xenocidio que o Estado de Israel está a cometer contra o pobo palestino. Tamén contaremos coa presenza da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil, que ten en marcha unha recollida de fondos e material sanitario para enviar a Cuba en contedores de axuda médica.