No exercicio 2013 a débeda militar a nivel estatal superará os 5.500 millóns de euros, dos cales preto de 1.500 millóns proceden de créditos extraordinarios, é dicir dun financiamento “escondido” do ollo público e non reflectido nos orzamentos xerais. Estes son os cálculos do informe “Débeda militar, débeda ilexítima, débeda odiosa” presentado hoxe. Doce dos trece Ministerios do goberno “camuflan”? gasto militar nas súas partidas orzamentarias.
O colectivo Utopía Contagiosa elaborou o informe en colaboración con outros colectivos como a Plataforma pola Auditoría Cidadá da Débeda (PACD) e Ecologistas en Acción. Para iso foi necesario investigar en diferentes partidas, programas e orzamentos, á vista de que a débeda militar española ten unha composición extremadamente complexa.
Dos cálculos extráese que a débeda militar de 2013 será exactamente de 5.592,48 millóns de euros. Desta suma, un total de 1.441,46 millóns corresponden á débeda extraordinaria, é dicir, a orixinada polos créditos especiais que outorga o Estado para financiar programas de compra de armamentos e intervencións militares no exterior.