Débeda militar, débeda ilexítima, débeda odiosa


No exercicio 2013 a débeda militar a nivel estatal superará os 5.500 millóns de euros, dos cales preto de 1.500 millóns proceden de créditos extraordinarios, é dicir dun financiamento “escondido” do ollo público e non reflectido nos orzamentos xerais. Estes son os cálculos do informe “Débeda militar, débeda ilexítima, débeda odiosa” presentado hoxe. Doce dos trece Ministerios do goberno “camuflan”? gasto militar nas súas partidas orzamentarias.

O colectivo Utopía Contagiosa elaborou o informe en colaboración con outros colectivos como a Plataforma pola Auditoría Cidadá da Débeda (PACD) e Ecologistas en Acción. Para iso foi necesario investigar en diferentes partidas, programas e orzamentos, á vista de que a débeda militar española ten unha composición extremadamente complexa.

Dos cálculos extráese que a débeda militar de 2013 será exactamente de 5.592,48 millóns de euros. Desta suma, un total de 1.441,46 millóns corresponden á débeda extraordinaria, é dicir, a orixinada polos créditos especiais que outorga o Estado para financiar programas de compra de armamentos e intervencións militares no exterior.

Trátase dun “gasto militar disfrazado”, tal e como destacou Juan Carlos Rois Alonso, un dos autores do informe. Concédense créditos extraordinarios para sufragar gastos que en moitos casos xa estaban previstos en contratos. “É diñeiro comprometido que non aparece nos orzamentos xerais porque queda mal dicir que non hai diñeiro para partidas sociais mentres se paga á industria armamentística”, resumiu Carlos Mato, da PACD. “É claramente unha débeda ilexítima”, engadiu “véndennos unha pretendida austeridade mentres solucionan pola porta de atrás o gasto militar”.

O restante da débeda militar corresponde a intereses e a débeda ordinaria, que tamén “agocha” sorpresas. É que se reparte en partidas de trece Ministerios, e non só no de Defensa, como cabería esperar. Menos de catro de cada 10 euros de gasto militar aparecen nas contas da carteira de defensa, de acordo ao informe.

Os cálculos de 2013 confirman que “séguese a tendencia de falta de transparencia e portas xiratorias de todos os partidos que pasaron polo Goberno”, sinala Rois. Desde 2002 a 2012, os créditos extraordinarios ascenderon a preto de 14.000 millóns de euros. Non é un sobrecusto fortuíto.

A tónica continúa en 2014. O Proxecto de Orzamento para o próximo ano prevé un gasto en Defensa de 5.745,77 millóns de euros. En cambio, á Promoción de Emprego destinaranse 4.073,52 millóns e a Educación 2.150,05 millóns. A débeda militar, ademais de insustentable pola súa magnitude, resulta altamente insolidaria no actual contexto de crise, pero ademais desmente que non haxa diñeiro para políticas sociais.

Aquí podes ler o informe: “La deuda militar, deuda ilegítima, deuda odiosa”.

---

Fonte: http://fiaregz.wordpress.com/2013/12/11/debeda-militar-debeda-ilexitima-debeda-odiosa/