You are here
Campaña galega pola Obxección Fiscal ao Gasto Militar 2025
Desde o Espazo Aberto Antimilitar, outro ano máis, facemos unha chamada á desobedecer á guerra cos nosos impostos facendo Obxección Fiscal ao Gasto Militar nas declaracións da renda.
Se queredes saber como se fai Obxección Fiscal na declaración da renda visita esta web: https://www.grupotortuga.com/Como-se-hace-la-Objecion-Fiscal-al
Achegamos o texto da campaña deste ano co que animamos a desviar unha parte dos impostos a proxectos que procuran no cotiá facer unhas sociedades máis xustas e igualitarias:
SABOTEAR A GUERRA PARA SALVAR A PAZ
O ideal de experiencia que conforma o choque é a catástrofe (Walter Benjamin, Obra das pasaxes)
A guerra mobiliza, antes do que recursos, sentimentos, de modo que precisa crear as condicións primeiro, para facela posible despois. Todo isto, nunha secuencia temporal que actúa condicionando o corpo social, a través dunha narrativa que celebre a disolución dos límites do consenso, en favor dunha nova orde mundial e a fantasía bélica que a alimenta.
Así, nun mundo onde reina o máis forte, as armas son sempre necesarias, comezando polas económicas. De feito, o alarmismo das elites políticas preséntase de moi variadas formas pero, sobre todo, como unha posibilidade de saída á crise. Un exemplo de capacidade de adaptación, que ten no aumento do gasto en políticas de defensa e do complexo militar industrial un argumento de peso, do mesmo xeito que no expolio dos recursos naturais, o retroceso en dereitos políticos, a perda de garantías no ámbito das relacións laborais, o desmantelamento premeditado do sistema público ou a pobreza xeneralizada de cada vez máis sectores da sociedade.
Camiñamos cara un mundo máis fragmentado e máis emprobrecido. Pero tamén máis insolidario e violento. Neste contexto de inseguridade crecente, enmarcado nunha dinámica transnacional cuxo epicentro é o continente europeo, todo parece indicar o retorno á fórmula do keynesianismo militar como medio de incentivar o crecemento económico fronte ás necesidades máis perentorias da poboación.
Por tanto, cómpre reaxir diante da emerxencia bélica e todo canto implica. Neste sentido, o antimilitarismo reivindícase en toda a súa dimensión, á luz da experiencia histórica, como unha forma de presentar batalla pero facendo uso das nosas propias armas. Precisamente, a campaña anual pola obxección fiscal aos gastos militares ten a ver con esa prolongación no tempo da memoria antimilitarista, adaptada ás condicións presentes. Unha posibilidade, entre tantas outras, de amosar o noso reixeitamento á escalada armamentística.
Galiza, abril 2025