2011


O vindeiro martes 26 de abril dende o Espazo Aberto Antimilitar convídamos a asistir/participar no acto de presentación da campaña contra o gasto militar e pola obxección fiscal 2011.

Este ano a campaña leva por título: “Eles non o farán, fagámolo nós: Recortemos o Gasto Militar" na que animamos a obxectar aos gastos militares na declaración da renda.

A charla será o martes 26 de abril ás 20h30 na Escola Popular Galega (rúa Real, 12 baixo - Vigo). Nela presentaremos a campaña, os datos sobre gasto militar, os destinos propostos para este ano, ademais de ter espazo para resolver as vosas dúbidas sobre OF.

Dende o Espazo Aberto Antimilitar propoñemos dentro da campaña pola Obxección Fiscal aos Gastos Militares 2011 varios destinos aos cales podedes enviar os cartos que desviedes nas vosas declaracións:

- Pola protección da Serra do Galiñeiro: campaña impulsada por diversos colectivos en defensa da serra do Galiñeiro fronte aos numerosos proxectos desenvolvementistas que a ameazan. A súa actividade está fundamentalmente centrada nestes momentos na oposición á instalación dun parque eólico planificado nesta área.

A Serra do Galiñeiro é un espazo natural que alberga numerosos valores naturais, xeolóxicos, paisaxísticos, etnográficos, arqueolóxicos e sociais polo que numerosos colectivos sociais agrupáronse a finais de 2010 no movemento social "Pola protección da Serra do Galiñeiro" para solicitar a protección deste espazo natural ó amparo das lexislacións autonómica e europea.

Un ano máis, dende o Espazo Aberto Antimilitar continuamos cuestionando a existencia do exercito como institución. Tentando manter o debate sobre a súa utilidade e conveniencia, os seus fins e a súa realidade, e denunciando a crecente militarización da sociedade, así como o desproporcionado gasto humano e económico que supón o seu mantemento.

Nun contexto como o actual, de recortes tanto de dereitos, coma de inversións en certos ámbitos (eliminación de subsidios, redución de pensións, perda de poder adquisitivo, etc.) o estado español gastará no ano 2011 uns 2.006 millóns de euros só en armamento; o equivalente a manter 421.910 pensións mínimas todo un ano. Pero en total, os orzamento militares para o ano 2011 no estado español ascenden a 17.244 millóns de euros. Unha  inversión un 5% menor á do ano 2010, pero que ven a representar o 4.8% do orzamento total do estado. Un dato que, ademais, debemos confrontar co descenso noutros ministerios, onde se chega a un 15,6% de recortes. E sen esquecer que, un ano tras outro, no sector militar as inversións finais superan dun xeito significativo o orzamentado.

Achegamos os datos referidos ao gasto militar no Estado Español no ano 2010 que alcanzaron os 17.217,88 millóns de euros. Os presentamos desglosados :

- Ministerio de Defensa: 8.560,09 millons

- Garda civil: 2.790,96

- Créditos I+D militar: 770,71

- Clases pasivas militares:352,15

- Instituto Social Fuerzas Armadas:624,89

- Organismos militares internacionais: 9,82

- Intereses débeda por gasto militar: 1.209,26

Fronte a estes datos temos os doutros ministerios: Sanidade:  4.254,00 millóns, Ministerio de Educación:  2.840,58 millóns, Servizos Sociais:  2.515,00 millóns e Ministerio de Cultura: 789,30 millóns.

Páxinas