Campaña galega pola Obxección Fiscal aos Gastos Militares 2015


Na fin de semana a xente do Espazo Aberto Antimilitar repartimos na manifestación de Vigo en contra do TTIP os primeiros panfletos da campaña pola Obxección Fiscal aos Gastos Militares 2015. Achegamos o folleto, que podedes descargar neste enlace > http://arkipelagos.net/fiscal_2015.pdf e o texto presentación da campaña.

Se o ano pasado lembrabamos os 25 anos da insubmisión en Galiza e no Estado Español en xeral, este ano queremos facer fincapé na necesidade de que a loita que supuxo contra as guerras e o militarismo continúe sendo unha realidade.

A nivel mundial estamos vivindo o que semella unha escalada dos conflitos armados. Ás guerras xa enquistadas de Afganistán, Iraq, Palestina, Somalia, Sudán, RD do Congo, etc., súmanse o avivamento dos enfrontamentos na República Centroafricana ou Iemen e novos focos en Siria, Libia ou Ucraína.

Pero, dende a óptica dos países chamados occidentais, as guerras xa non se libran só no exterior. O primeiro ministro declarou a Francia en estado de guerra despois do ataque á revista Charlie Hebdo e xunto a Alemaña, Reino Unido, Bélxica e Holanda comezaron a preparar medidas especiais de control, como a potestade dos ministerios de interior para retirar os documentos de identidade a cidadáns europeas consideradas sospeitosas. Pero non só isto, parece que a creación da gran base de datos compartida entre estados, bloqueada ata agora polo Tribunal de Xustiza da UE e que rexistra, entre outros, os datos de pasaxeiro/as (dende o nº de tlf á comida consumida nos voos) está cada vez máis próxima.

Logo do 11S, EEUU implantou a Patriot Act para permitir a tortura, creouse Guantánamo, Abu Graib, cárceres secretas, voos secretos da CIA e programas masivos de espionaxe á poboación. Agora,unha vez máis coa escusa da seguridade, preténdense recortar novamente os dereitos á intimidade, privacidade á mobilidade, as liberdades de prensa e expresión e as garantías cidadás. Especialmente internet e as redes sociais serán obxecto de vixilancia e seguimento e continuarase coa criminalización daquelas persoas ou colectivos que tenten oporse e denunciar esta realidade.

No estado español PP e PSOE asinaron o 2 de febreiro deste ano o seu cuarto pacto antiterrorista, neste caso contra o chamado yihadismo, baixo a premisa de que “a unidade é necesaria contra todos os que ameazan o sistema” e para “enviar unha mensaxe nítida aos radicais”. A nova lei antiterrorista, xunto á reforma do código penal (que, entre outras cousas instaura a cadea perpetua) e a coñecida como lei mordaza (oficialmente, nunha denominación moi orwelliana, “lei de seguridade cidadá”) foron aprobadas o pasado 26 de marzo.

Como vemos, a guerra contra os pobos, e a día de hoxe de xeito máis palpable para nós, a guerra directa contra as persoas (tamén a indirecta, a través da exclusión e desposuímento) continúan máis vivas ca nunca. Polo tanto, é imprescindible para nós manter tamén viva a resistencia.