You are here
Campaña 2014 pola Obxección Fiscal: "Borra o gasto militar"
Coincidindo co período da declaración da renda, recentemente iniciado no seu ciclo previo de envío de borradores e declaracións telemáticas, retomamos a Campaña de Obxección Fiscal ao Gasto Militar, onde se poden usar os datos que proporciona o borrador pero rexeitando confirmalos agora tal cal nolos queren facer «tragar».
A Obxección Fiscal ao Gasto Militar é un acto de Desobediencia Civil que consiste na non colaboración co Estado á hora de sufragar os gastos empregados na preparación de guerras e mantemento da estrutura militar, exército e outros corpos armados destinados ao control social. Tecnicamente desobedécese de forma activa no momento de realizar a declaración do imposto sobre a renda (IRPF) mediante o desvío dunha parte deses impostos a un proxecto que traballe pola xustiza social.
O gasto militar de 2013 ascende a 23.604,91 millóns de euros, o que supón un 6,83% dos Orzamentos Xerais do Estado (PGE). Esta cifra inclúe o gasto das Forzas Armadas, asignado ao Ministerio de Defensa ou outros Ministerios, os cartos destinados ao control social (corpos policiais, gastos penitenciarios etc.). Non obstante, atendendo a que todos os anos o gasto executado supera con diferenza o presupostado, calcúlase que en 2014 o gasto real chegará aos 34.019,88 millóns de euros (9,84% dos PGE), o que supón un gasto de 721,83 € por persoa e ano.
A Obxección Fiscal ao Gasto Militar é unha ferramenta que nos permite superar a pasividade e o papel de meras vítimas das políticas inxustas. É unha invitación á esperanza, un xesto sinxelo de resistencia e desobediencia a todo militarismo que, ademais, visibiliza a coacción que o poder impón para perpetuarse e defender os seus privilexios.
O rostro máis coñecido do militarismo é o exército ou, de forma máis ampla, o “complexo militar-industrial”, que desempeña un papel estratéxico no mantemento do status quo económico mundial. A súa outra cara, o control social, infíltrase pouco a pouco en todos os ámbitos da sociedade. Vixilancia legal ou ilegal permanente, criminalización de toda disidencia, maiores atribucións e impunidade das diferentes policías e vixilantes de seguridade, endurecemento do Código Penal... Nestes momentos nos que se está tramitando a “lei mordaza” é un imperativo ético impulsar todas aquelas campañas de Desobediencia Civil que nos permitan enfrontar estes ataques á liberdade e dignidade das persoas.
Adxunto | Tamaño |
---|---|
of14__cuartilla.pdf | 944.67 KB |