You are here
Destinos propostos na campaña de Obxección Fiscal 2011
Dende o Espazo Aberto Antimilitar propoñemos dentro da campaña pola Obxección Fiscal aos Gastos Militares 2011 varios destinos aos cales podedes enviar os cartos que desviedes nas vosas declaracións:
- Pola protección da Serra do Galiñeiro: campaña impulsada por diversos colectivos en defensa da serra do Galiñeiro fronte aos numerosos proxectos desenvolvementistas que a ameazan. A súa actividade está fundamentalmente centrada nestes momentos na oposición á instalación dun parque eólico planificado nesta área.
A Serra do Galiñeiro é un espazo natural que alberga numerosos valores naturais, xeolóxicos, paisaxísticos, etnográficos, arqueolóxicos e sociais polo que numerosos colectivos sociais agrupáronse a finais de 2010 no movemento social "Pola protección da Serra do Galiñeiro" para solicitar a protección deste espazo natural ó amparo das lexislacións autonómica e europea.
A importancia da Serra radica en que é un referente paisaxístico, posúe un rico patrimonio xeolóxico, alberga hábitats e fauna catalogada, as súas augas subterráneas abastecen a traída de augas da veciñanza, posúe importantes valores etnográficos, é un espazo de ocio e deporte, e conta cunha importante poboación de cabalo de pura raza galega, entre outros aspectos. Máis información: www.serradogalinheiro.org
- Ferrocarril clandestino: unha rede de apoio e acción en común fronte a inxusta política migratoria europea que nega os dereitos fundamentais a aqueles que inmigran, colocándolles en situacións de extrema vulnerabilidade.
Un movemento con todos aqueles, individuos ou grupos, que con independencia da súa orixe, senten a urxencia de actuar fronte ás formas cada vez máis brutais de discriminación e arbitrariedade que está xerando o réxime de fronteiras. Máis información: www.transfronterizo.net
- Ademais ofrecemos a oportunidade de que os vosos cartos tamén poida ir dirixidos ao Espazo Aberto Antimilitar: punto de encontro de colectivos e individualidades que cuestionan a existencia do exército como institución; tentando manter o debate sobre a súa utilidade e conveniencia, os seus fins e a súa realidade, e denunciando a crecente militarización da sociedade, así como o desproporcionado gasto humano e económico que supón o seu mantemento.
Os vosos cartos nolos podedes facer chegar á conta do Espazo (Caixarouba): 2080 0046 31 0040026408, lembra que debes indicar "obxección fiscal ao gasto militar" e o nome do colectivo ao que queres que vaian. Se ingresas cartos a outro colectivo, fainolo saber para estimar o número de obxeccións.