Campaña pola Obxección Fiscal 2017: Por unha sociedade sen medo, rexeitemos a cultura da guerra


É sabido que dende primeiros de abril é posible presentar a declaración da renda. Moitos colectivos antimilitaristas vimos aproveitando este periodo para denunciar a desfeita que supón, para as persoas, os gastos militares. Por iso animamos dende hai anos, a plasmar nas nosas declaracións da renda o noso rexeitamento a que o Estado dedique os nosos cartos á guerra a través da Obxección Fiscal (neste enlace as instrucións para facela > www.grupotortuga.com/Campana-de-Objecion-Fiscal-al,305).

Neste 2017 volvemos a lanzar a campaña galega pola Obxección Fiscal aos Gastos Militares con este texto titulado: "Por unha sociedade sen medo, rexeitemos a cultura da guerra".

Nun momento no que parece clara a aposta do estado pola militarización, denunciamos a súa insistencia en fomentar esta cultura de guerra.

Xa antes da chegada de Trump ao poder mundial, había unha tendencia moi forte cara á militarización das relacións internacionais (nós rexeitamos tanto as políticas intervencionistas do seu predecesor, como a escalada bélica dos seus inimigos sirios, rusos, coreanos ou iranianos), reforzando as fronteiras fronte á crise humanitaria das persoas refuxiadas, a venda de armas á países e zonas en conflito ou o escudo antimísiles da base da OTAN en Rota, saltándose en todos estes casos acordos asumidos previamente tanto a nivel estatal como internacional.

Igualmente é moi alarmante a complicidade do goberno español coas esixencias do Pentágono, reclamando un aumento do gasto militar sen precedentes, alimentando a cultura do medo e do odio. Os presupostos xerais do Estado do 2017 tiñan previsto aumentar o gasto do Ministerio de Defensa pasando de 6.900 millóns no 2016 a 8.900 no 2017, pero continúan anunciando un gasto incluso maior, engadido ao apoio público do goberno español ás aventuras guerreiras do USA, de feito dous destrutores que teñen a súa base en Rota, son os que lanzaron os mísiles do primeiro ataque estadounidense a Siria.

Estes cartos veñen dos nosos impostos, estamos fartas de que os adiquen a destinos inxustos e prexudiciais: como ao aumento da represión interna, a persecución da liberdade de expresión, as macroinfraestruturas como o AVE ou ao rescate de entidades bancarias.

Por iso animamos á cidadanía a que tome nas súas mans a construción colectiva dunha sociedade máis xusta, rexeitando o militarismo e facendo Obxección Fiscal aos gastos militares.

Abril 2017

Espazo Aberto Antimilitar