manifestación


O sábado 30 de maio, diversos grupos e colectivos convocamos baixo o berro: “Por unha cidade libre de militares”. Nesa xornada, animamos a participar na manifestación que sairá ás 12:00 h desde Vía Norte, en Vigo.

Fronte á militarización da cidade co gallo da celebración do Día das Forzas Armadas, chamamos á mobilización colectiva. Nós participaremos dentro do bloque dos movementos sociais, no marco da campaña “Desarma Vigo”.

Reproducimos a continuación o derradeiro parágrafo do manifesto da campaña, co que tamén queremos convidar á participación:

“Fronte a este estado de cousas, cómpre volver poñer en valor as tradicións emancipadoras e os valores universais que forman parte da nosa cultura política, como o antimilitarismo, nunha cidade de longa traxectoria reivindicativa. Neste sentido, desde o Espazo Aberto Antimilitar, facemos un chamamento á opinión pública a organizarse para opoñerse ao avance da militarización da nosa cidade e da sociedade en xeral e, en particular, a rexeitar que Vigo se converta no escenario da celebración do Día das Forzas Armadas”.

O sábado 21 de marzo participaremos na manifestación "Vigo polo dereito a teito" convocada pola Alianza pola Vivenda - Vigo. A saída será desde a praza dos Cabalos ás 18h00.

Diversos colectivos da cidade agrupámonos para impulsar unha manifestación que busca denunciar a crise de vivenda que padecemos, cuns prezos do alugueiro batendo récords cada mes e os de venda próximos a cifras previas ao estalido da burbulla inmobiliaria.

Estades todas chamadas a acudir á convocatoria do sábado 21 na defensa deste dereito básico.

Como vén sendo habitual nos últimos anos o Espazo participou no 1º de Maio vigués, e este ano ademais dun xeito máis activo ao levar unha faixa co lema: "Fóra as tropas de Afganistán e de todos lados" na manifestación convocada pola CXT/CUT.

Na farola que da entrada a Príncipe montamos tamén o posto con información da campaña pola Obxección Fiscal aos Gastos Militares 2010, no que se podían ler nun cohete os gastos militares do Estado Español para este ano.Aproveitamos para repartir entre as tres manifestacións máis de mil trípticos coa información necesaria para facer OFGM.