Campaña galega pola Obxección Fiscal ao Gastos Militar 2021


Seguimos teimudas no traballo por unha sociedade e relacións non violentas, por iso animamos a facer Obxección Fiscal as Gastos Militares nas vosas declaracións da renda. Igual que o pasado ano, lanzamos unha web onde tedes toda a información sobre esta campaña: http://2021.nonaogastomilitar.org/

Xunto a diferentes colectivos e entidades estatais lanzamos o seguinte manifesto, que podedes asinar e apoiar no seguinte formulario: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSflqmtsfi83EJoNvndZc7u_zgxk1Kdr...

Obxección Fiscal ao Gasto Militar: pola reivindicación da seguridade humana

O orzamento militar do Reino de España supera hoxe en día os 20.000 millóns de euros (entre gastos explícitos do ministerio de defensa e partidas camufladas en outros ministerios e institucións) e tennos arrastrado a unha débeda ilexítima pola adquisición de programas de armamento (PEA) que acada na actualidade máis de 43.000 millóns de euros e non para de crecer.

Durante os dous últimos anos tivemos que facer fronte a unha pandemia cun sistema sanitario debilitado, logo de anos de recortes, mentres que os gastos militares seguiron aumentando. No estado español, durante o primeiro e segundo ano da pandemia, rexistráronse as maiores subidas dos gastos militares, cun 9,6% de incremento do 2020 ao 2021.

Ante esta situación, faise urxente loitar por un cambio de paradigma de seguridade, cun cambio elemental de prioridades, que poña ás persoas e á vida no centro, e non o financiamento das guerras, a represión e o armamento.

Cómpre unha desmilitarización das crises, é necesario lembrar que as principais ameazas para a humanidade e para a seguridade son precisamente as provocadas por un sistema de produción capitalista, extractivista, de explotación de recursos non renovables e finitos, sustentado polo militarismo, que xera desigualdades, contaminación, destrución de hábitats, perda da  biodiversidade e quentamento global. É importante poñer de manifesto tamén que a guerra e a preparación para a guerra, son as principais causas de migracións forzadas de persoas que, na súa fuxida, acaban bloqueadas en fronteiras cada vez máis militarizadas e onde se dan as máis graves vulneracións dos dereitos humanos.

O financiamento da industria militar provoca, polo tanto, migracións, mentres o incumprimento xeneralizado de cotas de acollida de refuxiados, e o ignominioso Pacto Migratorio europeo, esixen unha aínda maior militarización das fronteiras, e o pagamento ás empresas de control fronteirizo como FRONTEX, son un dos motivos do incremento dos orzamentos de defensa.

Os grupos, colectivos, ONGs, entidades e campañas que asinamos este manifesto, traballamos colectivamente para que a Obxección Fiscal ao Gasto Militar se consolide como unha ferramenta de desobediencia civil e de loita non violenta que permita, mediante o rexeitamento ao Gasto Militar, empurrar cara a cambios substanciais na distribución de recursos públicos, orientándoos ao dereito á saúde, á xustiza ambiental, á construción da paz e á loita contra a pobreza e a desigualdade.

Sumámonos ao chamamento internacional de máis de 180 organizacións que, ante a situación de pandemia global e emerxencia climática, esixen unha reorientación urxente do gasto militar mundial (GCOMS). E, mediante este documento, poñemos en valor a Obxección Fiscal para visibilizar a ineficacia da resposta militar desmesurada á crise sanitaria e pedimos o apoio e solidariedade de toda a sociedade, as ONGs, colectivos e entidades para reclamar:

- Redución dos gastos militares, desmilitarización dos Orzamentos Xerais do Estado (OXE) e reorientación dos gastos militares para gastos sanitarios e sociais.

- Recoñecemento da Obxección Fiscal como forma lexítima de protesta e de coherencia coa cultura da paz, como a obxección de conciencia.

- Transparencia nos OXE, na distribución dos recursos públicos e nas prioridades políticas, e rendición de contas.

- Fin das autorizacións de envíos ilegais de material bélico a países en conflito e con indicios de uso das armas para vulnerar o dereito internacional humanitario e os dereitos humanos.

- Reorientación das industrias armamentísticas para a produción de bens e recursos sanitarios e hospitalarios.

- Prohibición da exportación marítima de armamento e do atraque en portos españois de “barcos da morte” destinados ao transporte de armamento e explosivos.

- Fin da militarización das fronteiras, a externalización da xestión do control fronteirizo e do bloqueo de persoas migrantes en Canarias.

- Cumprimento das cotas de acollida de persoas refuxiadas e fin das deportacións e devolucións “en quente”.

Actuar agora é esencial para esixir aos gobernos políticas centradas nas necesidades sociais e na seguridade humana.

Súmate!

Asina o manifesto premendo na ligazón e fai Obxección Fiscal aos Gastos Militares na túa declaración da renda: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSflqmtsfi83EJoNvndZc7u_zgxk1Kdr...