You are here
Campaña galega pola Obxección Fiscal ao Gastos Militar 2019
Este 2019 cúmprense dous aniversarios destacados para as persoas que rexeitamos o militarismo. O primeiro deles, os 30 anos da insubmisión, lémbranos o poderosa que pode ser a desobediencia civil non violenta como arma para transformar o sistema. Afrontando penas de cadea e sancións de todo tipo, centos de persoas negáronse a facer o Servizo Militar Obrigatorio, até que a solidariedade e o apoio da maior parte da sociedade forzou a súa abolición. O outro aniversario, pola contra, non ten nada de positivo; os 70 anos da OTAN, o gran símbolo do militarismo autodestrutivo a nivel planetario. Daquela xustificaron a súa existencia polo medo ao bloque soviético, pero hoxe en día non poden agochar que a súa razón de ser é unicamente tentar manter o decadente dominio mundial por parte dos USA e os seus aliados occidentais.
Son os compromisos do Estado Español coa OTAN a causa principal do aumento do gasto militar, así como que se permitan manobras internacionais no noso territorio e a obriga de participar en operacións militares por todo o mundo para defender intereses ilexítimos.
Con todo, o militarismo na nosa sociedade non se limita a isto. Non podemos deixar de denunciar dous aspectos non menos importantes:
- A blindaxe militarizada das fronteiras europeas, para impedir e combater o acceso das migrantes que foxen de conflitos e miseria (provocados normalmente polos intereses económicos ou estratéxicos das potencias mundiais), sen que importe aparentemente que a consecuencia directa sexa que o Mediterráneo convértase na maior fosa común do planeta.
- A implicación do Estado Español na produción e tráfico de armamento para países tan pacíficos como Estados Unidos, México, Brasil, Marrocos, Turquía, Exipto ou Israel. E, en particular, para Arabia Saudí, especializada na violación de Dereitos Humanos e moi presente nas guerras civís de Libia, onde arma e financia unha das sanguinarias milicias en conflito ou do Iemen, onde intervén directamente bombardeando á poboación civil.
Por todo isto é fundamental que a nosa sociedade, que xa amosou no seu momento a súa oposición á “mili” ou á Guerra de Iraq, poña de novo sobre a mesa dos problemas políticos e sociais o rexeitamento ás guerras, ao militarismo e ao gasto militar.
Fronte á actual realidade de recortes en pensións, políticas de igualdade, prestacións sociais ou acceso a unha vivenda digna, atopámonos con que se amplían os recursos destinados ao militarismo:
O gasto do Ministerio de Defensa medrou en 2018 un 10% (8.000 millóns de euros). O goberno de Pedro Sánchez complementou deste xeito o maior plan de gasto en armamento dos últimos 20 anos, 12.000 millóns de euros, moi próximos aos 13.000 millóns do Goberno de Aznar en 1997.
Este gasto concretouse en 7.331 millóns de euros aprobados no mes de decembro para a adquisición de 5 fragatas e 348 vehículos blindados e a modernización de decenas de cazabombardeiros Eurofighter e 5.000 millóns aprobados en setembro para 23 helicópteros NH-90 ou o programa de 4 submarinos S-80.
E isto sen esquecer o pagamento da débeda contraída no anterior ciclo armamentístico de 21.000 millóns de euros para a adquisición de 1.500 tanques Leopard e Pizarro, cazas Eurofighter, submarinos, helicópteros ataque Tigre e NH-90, mísiles, etc.
Ante isto, nós propoñemos facer Obxección Fiscal aos Gastos Militares nas nosas declaracións de facenda, neste enlace podedes atopar información sobre como realizala: https://enpiedepaz.org/objecion-fiscal