You are here
Corta co Gasto Militar, pola obxección fiscal
Mentres a publicidade estatal insiste en vendernos un exército de tipo humanitario, garante dos dereitos individuais e da igualdade, a actualidade amósanos unha perspectiva ben diferente: as intervencións militares en Haití, Afganistán, Iraq; a militarización das fronteiras de Ceuta e Melilla; as aparicións públicas de altos cargos do exército nos debates do Estatut catalán, etc; desminten esa pretendida imaxe do exército, e só remitíndonos á situación no estado español.
O gasto militar segue incrementándose ano tras ano, mentres a situación social se deteriora cada día máis. Recursos económicos, sociais, científicos, se dilapidan nunha presunta defensa nacional, e néganse á sanidade, á educación, a rendas de integración, a pensións...
Os centos de millóns de euros irracionalmente gastados en armas, no exército, na investigación militar, lonxe de aumentar a seguridade das persoas e dos pobos, supoñen un risco para a existencia da vida e do mesmo planeta. As industrias armamentísticas aumentan os seus beneficios a costa da miseria, da fame e da morte de milleiros de persoas.
Nós non queremos participar nisto. Negámonos a ser cómplices, a colaborar co mantemento do exército e do que significa, rexeitamos a militarización da sociedade e a imposición da lei do máis forte nas relacións entre as nacións.
Poucas veces temos ocasión de deixar clara a nosa postura, de facer patente o noso desacordo. A nosa declaración da renda pode ser unha desas escasas ocasións.
Por iso, declarámonos obxectores fiscais aos gastos militares.
Máis info en: http://galiza.indymedia.org/pt/2006/04/6869.shtml