Dez razóns para disolver a OTAN


Hai sesenta anos creouse a OTAN para organizar a defensa dos Estados de Europa occidental e de Norteamérica ante a Unión Soviética. O final da guerra fría deixou sen razón á OTAN, que de súpeto quedou sen inimigo. Entón iniciouse a reconversión dos seus obxectivos políticos e militares para xustificar a súa existencia.

No cume de Wáshington de 1999 redefínese a estratexia da Alianza. Coa escusa de contribuír á estabilidade e paz mundial, amplía o seu radio de acción de forma ilimitada en todo o mundo. En realidade, este cambio de estratexia ten como obxectivo prioritario controlar as zonas produtoras de recursos naturais e de importancia xeoestratégica.

En 2002, no cume da OTAN en Praga, incorpórase a loita contra o terrorismo internacional como un dos seus obxectivos fundamentais e adóptase a doutrina da guerra preventiva de Bush, que coloca á organización nunha posición de vulneración do dereito internacional.

A mellor política de seguridade é a que imposibilita a guerra. Para conseguir un mundo en paz e máis xusto é imprescindíbel a disolución da OTAN.

 

:: 10 RAZÓNS QUE FAN DA OTAN UN OBSTÁCULO PARA A PAZ MUNDIAL ::

1- A OTAN é o bloque militar mundial máis agresivo e belicista, que incrementa o perigo de novas guerras

A OTAN é un organismo militar que, desde 1999, decidiu abandonar o carácter defensivo da área do Atlántico Norte para intervir militarmente en calquera lugar do planeta. Estas intervencións militares exteriores poden provocar reaccións en terceiros países e a formación de novos bloques militares.

2 - A OTAN é unha organización non democrática

As decisións no seo da OTAN apróbanse fóra de todo control democrático, á marxe dos parlamentos e institucións democráticas europeas, á vez que está baixo o mando militar exclusivamente de EEUU. A OTAN coarta e restrinxe a política exterior dos estados membros.

3 - A OTAN foi e é unha ameaza para a democracia

A OTAN aceptou que estados non democráticos formen parte dela, como a ditadura neofascista de Portugal e a ditadura dos coroneis en Grecia. A OTAN tamén participou en complots antidemocráticos e de manipulación da opinión pública. E actualmente non cuestiona a pertenza de países tan pouco democráticos como Turquía, Polonia ou Bulgaria.

4 - A OTAN ten como un obxectivo estratéxico a guerra contra o terrorismo

Desaparecida a URSS, a OTAN quedou sen inimigo. Pero no canto de disolverse, atopou un novo inimigo, o chamado "terrorismo internacional". Con esta escusa intentou intervir na guerra de Iraq no 2003 e intervén en Afganistán.

5 - A OTAN impulsa novas carreiras de armamento e representa a militarización do planeta

O aumento continuado do arsenal dos países membros da OTAN provoca o rearme de países como Rusia, China, Irán? que, á súa vez, conduce ao rearme de quen se consideran os seus rivais. O resultado final é o aumento da militarización do planeta.

6 - A OTAN é responsábel do incremento do gasto militar, do impulso da industria e o comercio de armas mundial

O rearme constante de EE.UU., dos exércitos dos estados membros da OTAN provoca un aumento continuado do gasto militar, impulsa a investigación de novo armamento, a industria que o produce e o comercio mundial que o vende. Ao tempo, os países da OTAN exportan o 75 % do total de armas do mundo.

7 - A OTAN impulsa a proliferación e o perigo de guerras nucleares

EEUU posúe armamento nuclear instalado nas bases militares da OTAN en chan europeo, o que expón a Europa ao perigo dunha guerra nuclear.

8 - A OTAN define a inmigración descontrolada como unha ameaza

Nesta estratexia de buscar novos perigos, a OTAN menciona á inmigración masiva como unha das súas preocupacións. É moi preocupante que un organismo militar aborde a cuestión da inmigración.

9 - A OTAN perpetúa a tutela de EEUU sobre a política europea

Os gobernos europeos aceptan estar supeditados, a través da OTAN, aos intereses do complexo militar-industrial de EE.UU. Esta situación imposibilita que Europa asuma a función de promotora dos obxectivos da Carta de Nacións Unidas, sendo o máis importante o de evitar novas guerras. Para conseguilo é imprescindible a disolución da OTAN.

10 - A OTAN ten como principal función a defensa dos privilexios e intereses dos estados máis ricos do planeta.

Esta é, sen dúbida, a razón máis importante da existencia deste organismo multilateral militar. O sistema de vida dos países ricos esixe a entrada das materias primas (petróleo, gas…) que lles son vitais para manter o seu nivel de consumo insustentábel. A OTAN é o instrumento que asegura esta subministración mediante o control militar das zonas de explotación.

etiquetas: