Oposición ao dereito dun pobo a expresar a súa opinión como defensa da liberdade e a democracia; prohibición de manifestacións para facer respectar a liberdade de todos; privatización da sanidade para asegurar o dereito á asistencia médica universal; eliminación de bolsas e peche de escolas como máxima expresión da garantía de acceso á educación e, desde logo, intervencións militares, ataques e bombardeos a poboación civil feitos pasar por intervencións humanitarias. A perversa manipulación da linguaxe levada a cabo polo poder, para vendernos as cousas polo contrario do que son, non ten límites, confiando quizais na máxima de que unha mentira mil veces repetida, convértese en verdade.
É evidente que, igual que talar un bosque evita que arda nun incendio, bombardear e matar a poboación civil nun “ataque lóstrego” evita que sufran unha guerra. Agora ben, é unha solución que non consideramos aceptable, e moito menos “humanitaria”.
Pero en todo caso, sabemos que, ao igual que en Afganistán ou Iraq, están moi lonxe de ser os motivos humanitarios os que moven a actuación dos Estados Unidos e os seus aliados.