You are here
Campaña galega pola Obxección Fiscal ao Gasto Militar 2026
Desde o Espazo Aberto Antimilitar, outro ano máis, facemos unha chamada á desobedecer á guerra cos nosos impostos facendo Obxección Fiscal ao Gasto Militar nas declaracións da renda.
Se queredes saber como se fai Obxección Fiscal na declaración da renda visita esta web: https://www.grupotortuga.com/Como-se-hace-la-Objecion-Fiscal-al
Achegamos o texto da campaña galega deste ano, co que convidamos a destinar unha parte dos impostos a proxectos que, no día a día, contribúen a construír sociedades máis xustas e igualitarias, nas que o ámbito militar teña unha presenza moito menor ca na actualidade.
DESARMA VIGO. POR UNHA CIDADE LIBRE DE MILITARES
Chega a primavera. Vexo eirugas
procesionarias nos piñeiros: unha longa
fileira de lepidópteros ensamblados, a
cabeza de cada unha unida ao extremo
do abdome da que a precede, puro
gregarismo na procura de alimento.
Que pasaría se unísemos a cabeza da
primeira ao abdome da última,
formando un círculo pechado?
Comezarían a xirar indefinidamente até
morrer de fame, ou de aborrecemento ou
de tristura. Ou até que un cativo lles
prendese lume.
Isto non é un programa, Tiqqun
Foi hai case noventa anos. A Lexión Cóndor desfilaba polas rúas do centro urbano de Vigo antes do seu retorno triunfal á Alemaña do III Reich. Era maio de 1939. A guerra civil había pouco que rematara. E, a seguir, a historia habería de se repetir aínda que en clave global.
Precisamente o 30 de maio deste ano Vigo será escenario dun novo desfile militar con motivo do Día das Forzas Armadas. Outra vez a guerra. De feito, entre un e outro momento, a guerra aparece como o elemento común en profundos períodos de crise, xa sexa de forma explícita ou como ameaza.
A fantasía bélica —esa maneira de disciplinar a través da propaganda, animada polas elites políticas— exerce un poder de atracción de enorme eficacia en termos de mobilización dos espíritos. Pero non é menos certo que a guerra ten outra dimensión, propiamente económica, que dota ao esforzo bélico dun sentido común compartido, capaz tamén de xerar amplos consensos entre os máis diversos sectores da poboación.
É así que a guerra aparece como un medio rápido á vez que acaído contra unha orde das cousas sen aparente solución. Remontar a crise é a consigna, ata o punto de que a economía de guerra está hoxe por todas partes. Representa o extractivismo que apunta a non poucos lugares do noso territorio, á reindustrialización de sectores produtivos estratéxicos, á universidade en canto fonte de coñecemento ou a determinadas capas sociais como peza principal da engrenaxe militar. E sempre coa colaboración público-privada por bandeira.
Formas de vida ameazadas a curto prazo por decisións de indubidable risco para todos. Porque a guerra acelera o tempo dos acontecementos, creando unha falsa ilusión de seguridade que se traduce, pola vía dos feitos, na aceptación acrítica de modelos sociais fondamente insolidarios por desiguais. Por iso, o desfile do Día das Forzas Armadas en Vigo non escenifica unicamente a gravidade do momento presente, senón tamén o poder e os privilexios dos menos fronte ás necesidades dos máis. Neste sentido, podemos afirmar que a guerra representa, igual que hai noventa anos, unha foto fixa da inxustiza e das súas consecuencias.
Galiza, abril 2026
| Adxunto | Tamaño |
|---|---|
| 183.21 KB | |
| 183.43 KB |





