You are here
Manifesto: 'Non nos resignamos ao rearmamento e á guerra en Europa'
Hai alguén, en Europa ou en calquera outra parte do mundo, que non queira defender aos seus seres queridos dunha posible ameaza? Que non desexe afastar a sombra terrible da violencia da súa vida e a dos seus? Que non soñe cun futuro no que os seus fillos e fillas, os dos seus amigos e veciñas poidan vivir en paz, desenvolverse como persoas, ter traballos dignos, habitar un planeta habitable, ter un teito sobre as súas cabezas, gozar da cultura ou das relacións sociais enriquecedoras e construtivas e vivir vidas libres de todo tipo de violencias? A sociedade necesita a seguridade que dá unha sanidade e educación públicas de calidade para todas as persoas, a mocidade necesita unha casa onde vivir, os nosos maiores non queren ver perigar a súa pensión e, sobre todo, non queremos que os nosos fillos e netos vivan o horror da guerra.
En que medida exactamente contribúe a ese futuro en paz o aumento desenfreado do gasto militar que se propoñen aprobar os gobernos europeos sen debate cidadán, sen transparencia nin detalle e con urxencia? Que parte deses miles de millóns vai destinada a mellorar a educación, a sanidade, a terrible situación da vivenda, a precariedade na cultura, a harmonía ambiental ou a solidariedade internacional? Non sería necesario investir en maiores esforzos políticos e diplomáticos que #ante as ameazas de agresión busquen camiños de diálogo aínda non explorados?
É estúpido, simplista ou naif desexar isto, defender a paz e a xustiza social? É quizá máis intelixente, elaborado e maduro crer que os ventos de guerra, a linguaxe belicista e a aposta polas armas traerán un futuro mellor?
Non, non nos resignamos á guerra. O rearmamento de Europa non traerá a paz, non contribuirá á distensión, senón que nos achegará aínda máis á guerra. Os contextos militaristas adoitan ir acompañados, ademais, de retrocesos en dereitos, liberdades e políticas sociais, orixinan medo e alarma social, escenario idóneo para normalizar mecanismos de represión e de autoritarismo, como xa se está empezando a ver.
Preocúpanos que esta estratexia leve a unha longa guerra con Rusia, que sabemos que non é para defender o Dereito Internacional Humanitario, a liberdade, os dereitos humanos ou para protexer aos máis débiles. De ser así, a actitude fronte a Netanyahu sería a mesma que fronte a Putin. Esta Europa que cala ou, peor aínda, apoia a Israel no seu xenocidio en Gaza e Cisjordarnia e mesmo persegue a quen o denuncia, necesita redefinir claramente cales son eses valores comúns cuxa defensa se expón como xustificación para o rearmamento.
A cidadanía do noso país demostrou sobradamente no pasado o seu compromiso coa paz e coas políticas antibelicistas. Forman parte da nosa memoria colectiva recente as multitudinarias manifestacións en contra da guerra de Iraq impulsada de maneira ilegal polo Goberno de José María Aznar, o movemento de rexeitamento á permanencia do noso país na OTAN que chegou a mobilizar máis do 43% do voto emitido naquel afastado referendo, ou o movemento de loita contra o servizo militar obrigatorio ata a súa eliminación no ano 2001.
O aumento do gasto militar europeo -ata 800.000 millóns de euros en catro anos- anunciado pola presidenta da Comisión Ursula von der Leyen, vai realizar a través dun mecanismo de excepcionalidade que evitará o debate nos parlamentos e, en xeral, a información clara e detallada á cidadanía europea.
Non podemos nin queremos aceptar que o diñeiro dos nosos hospitais públicos, as nosas escolas e as nosas Universidades públicas, o noso sistema de atención á dependencia, as nosas políticas de protección e de cobertura social para os momentos de dificultade, de loita contra o cambio climático, a violencia machista, o racismo ou de protección fronte a emerxencias, de cooperación, vaia a ser destinado a comprar tanques, fusís, cazas e mísiles para a guerra, porque así o decidiran as elites belicistas que gobernan actualmente Europa e os EEUU.
A verdadeira seguridade que necesitamos é a seguridade vital que nos achegan coa súa soa existencia as nosas pensións públicas, os nosos médicos e médicas de atención primaria, os nosos tratamentos gratuítos en hospitais públicos contra calquera doenza ou enfermidade que nos afecte, a nosa formación garantida en escolas e Universidades públicas que nos dotan de igualdade, o noso sistema de bolsas, as nosas prestacións por desemprego en caso de necesidade, o Ingreso Mínimo Vital, os nosos bombeiros e bomberas apagando incendios nos nosos montes ou rescatando xente nos nosos pobos e cidades cando se desata unha emerxencia, ou o desenvolvemento e posta en práctica de políticas públicas feministas que avancen na defensa e protección dos dereitos das mulleres e na loita pola erradicación das violencias machistas.
Os climas bélicos deséñanse en cómodos despachos, pero son os pobos quen paga as consecuencias. Por iso, este momento é de extrema importancia para disipar a tensión crecente e defender un modelo de paz, de benestar social e de ampliación de dereitos para todos. O momento presente require de responsabilidade, políticas audaces, altura de miras e cultura de paz.
Non nos resignamos á guerra, porque non queremos a paz dos cemiterios, porque a historia demóstranos que o único camiño realista para conseguir a paz non é militar, senón político. Póñanse ao choio e traballen pola paz, esixímosllo.
---
Ligazón: https://forms.komun.org/manifiesto-contra-el-rearme-y-la-guerra-en-europa