You are here
Crónica da concentración polo primeiro ano da intervención rusa en Ucraína
Este 24 de febreiro cumpriuse o primeiro aniversario da intervención militar de Rusia en territorio de Ucraína. En Vigo así como en diferentes puntos do estado español moitas persoas e colectivos preocupadas pola marcha dos acontecementos e la gravidade das consecuencias das operacións bélicas, saíron ás rúas para esixir o cese da guerra e a busca de solucións negociadas.
En Vigo ás oito da tarde xuntámonos medio cento de persoas á altura da Farola de Urzaiz, convocadas polo Espazo Aberto Antimilitar, Ecoloxistas en Acción e o Comité Anti OTAN de Vigo.
Durante o acto berráronse consignas contra as guerras, os gastos militares e a OTAN. Léronse tamén os seguintes textos contra a guerra, os gastos militares e en apoio aos desertores de ambos bandos:
Ningunha guerra é nosa
Dende hai un ano unha nova guerra se abate sobre Europa. Dun lado o pobo ucraíno. Do outro, o pobo ruso. E sobre ambos os dous, os seus respectivos gobernos, decididos a impoñer manu militari os seus intereses xeopolíticos.
A guerra en Ucraína estase a cobrar decenas de miles de vidas humanas, provocando a morte, destrución e éxodo ao seu paso. Refuxiadas, exiliadas, levas forzosas, desertores son a consecuencia directa dun conflito armado que ameaza por momentos cunha escalada de proporcións inimaxinables.
Unhas hostilidades que están a acelerar os graves problemas derivados da crise enerxética e ecosocial, provocada por un sistema económico depredador que semella non ter límites. O acaparamento de recursos para a guerra tradúcese en subidas de prezos de produtos básicos que afectan (e afectarán máis) a amplas capas da poboación.
Mentres, o Goberno do Estado lonxe de ser un garante da paz, está supeditado máis que nunca ás directrices militaristas da OTAN, encabezada por EUA. Unha obediencia cega que amosa sen ambaxes o seu papel secundario no concerto internacional. As promesas dun maior esforzo bélico, a cambio de se facer un lugar entre as potencias mundiais, están poñendo en risco as nosas vidas.
En canto ao chamado Mecanismo Europeo para a Paz, un instrumento financeiro no marco da política exterior e de seguridade común, non é máis que un eufemismo para ocultar os motivos reais da guerra en nome dun suposto enfrontamento entre oriente e occidente. Pero aos ollos da sociedade civil, este enfrontamento armado é resultado de intereses que nada teñen que ver coas necesidades máis perentorias da poboación. E as súas consecuencias son abondo coñecidas: mortos, mutilados, espoliados, vexados e empobrecidos. Toda vez que a guerra representa o peor da condición humana.
Por todo isto vemos necesario organizarnos e presionar, tanto na rúa como nos centros de traballo e estudo, coa finalidade de eliminar o gasto militar e parar a guerra en Ucraína e outros territorios onde os conflitos armados non son albo do interese mediático.
Perante a gravidade do momento actual, é urxente activar unha resposta popular en Galiza co obxecto de:
- Promover unha coordinación o máis ampla posible
- Un calendario de mobilizacións que dean resposta á guerra en Ucraína
- Sinalar aos responsables e os seus intereses
- Boicotear ás empresas que se benefician da guerra
- Opoñérmonos activamente a calquera envío de material e continxentes militares
- Estender a desobediencia e a confrontación fronte a mobilización bélica de todos os estados
- Reactivar a crítica antimilitarista na nosa sociedade
- Defender o noso Planeta da devastación criminal das guerras