Muros


Achegamos un texto (inspirado no de Utopía Contagiosa) que o Espazo Aberto Antimilitar vai repartir o 27/02/16, na manifestación viguesa pola Marcha Europea polos Dereitos das Persoas Desprazadas.

MUROS

Nos últimos tempos conceptos como fronteira e mobilidade aplicados ás poboacións mudaron o seu significado. Dunha retórica próxima aos dereitos humanos e dignidade das persoas cara a outra allea a eses mesmos valores e máis enfocada á seguridade militar para controlar os movementos migratorios.

Aquelas potencias militares que fomentan as guerras na periferia do mundo occidental e se benefician do negocio do tráfico de armas, os mesmos que provocan o caos e o desastre sen preocuparse polas vítimas da súa intolerancia, pretenden dar unha solución para a multitude de refuxiadas que foxen da guerra mediante a intervención militar, coa máquina de guerra da OTAN en dianteira, para evitar que traspasen as nosas fronteiras. Así, o 11 de febreiro de 2016, os ministros de Defensa da Unión Europea, convocados pola OTAN, decidiron enviar barcos de guerra ao Exeo, capitaneados desta volta por Alemaña, para frear manu militari a avalancha de migrantes e refuxiadas cara ás nosas terras. Isto é, van empregar o exército non para parar a guerra, senón, como corresponde á súa esencia, para parar ás vítimas, amparados por unha legalidade feita á medida.

Na declaración realizada expresamente para a coxuntura actual polo alto mando da OTAN afírmase que: “Acabamos de acordar que a OTAN achegará apoio para asistir na crise de refuxiados e inmigrantes”. Parecería todo correcto e razoábel: socorrer a estas persoas na súa traxedia. Agora ben, se nos preguntamos a quen van socorrer as cousas cambian, a teor do declarado polos responsábeis da Alianza Atlántica: “O obxectivo é participar nos esforzos internacionais para frear o tráfico ilegal e a inmigración no Exeo”. Noutras palabras, mandar á armada para frear as constantes fuxidas de migrantes a través do mar. Mandan barcos de guerra non para elas, senón contra elas. A lóxica militar é esmagadora.

A incapacidade da UE para resolver unha crise de proporcións alarmantes, 800.000 refuxiadas chegaron a Europa no 2015, e asumir os custos sociais da acollida, levou a habilitar a cantidade de 3.000 millóns de euros a Turquía co obxecto de facer fronte ás necesidades das desprazadas pola guerra en Siria. A mensaxe é que a OTAN só permitirá á avalancha de homes e mulleres que se queden á súas portas, non que atravesen o muro que separa a guerra da paz, e tampouco pensa acollelas para auxiliar ás vítimas da mesma. Europa rexéitaas e dá as costas á retórica baleira dos dereitos humanos que supostamente é a súa razón mesma de ser.

O escenario resulta desolador. Ucrania réstalle protagonismo a Gaza, que sustitúe á súa vez a Irak e Kurdistán, que disimulan o que acontece en Siria e encobren as intervencións militares en África central, e viceversa. As chamadas guerras contra o terrorismo ou de baixa intensidade, os conflitos polo control dos recursos naturais ou pola seguridade interna, teñen como resultado un número incalculábel de desprazadas. Malia a presión social, tras as continuas mortes no Mediterráneo, que forzou á Unión Europea a aprobar unhas cotas de acollida de persoas refuxiadas por Estado-membro, os seus obxectivos non poden estar máis lonxe de cumprirse porque nin sequera pode considerarse iniciado o proceso de asilo.

En definitiva, redúndase no erro e se militariza a política de inmigración, convertendo as vítimas do drama humano que xera a nosa tolemia de mundo nos inimigos sobre os que exercer políticas discriminatorias.