You are here
Campaña galega pola Obxección Fiscal ao Gasto Militar 2022
O Espazo Aberto Antimilitar anima, outro ano máis, a desobedecer á guerra cos nosos impostos. Por iso sumámonos a campaña estatal pola obxección fiscal ao gasto militar nas declaracións da renda.
Achegamos o texto co que chamamos a desviar unha parte dos nosos impostos a proxectos que pulen por sociedades máis xustas e igualitarias:
A partida destinada ao ministerio de defensa nos orzamentos xerais do estado español para o ano 2022 ascende a 10.152 millóns de euros; ao redor do 0,8% do PIB, o que o coloca na terceira posición en canto ao destino de fondos. Con todo, de acordo aos criterios da OTAN, o gasto militar total, tendo en conta partidas distribuídas en outros ministerios, ascenderá a 21.565M de euros. Iso representaría case o 1,8% do PIB, varios milleiros de millóns aínda por debaixo do 2% que se pretende acadar, sen aclarar, iso si, se será en gasto real ou só do ministerio da guerra. Pero como imos dicir que non? É un compromiso asinado por España e sabemos que os compromisos se manteñen; que llo pregunten ao pobo saharauí.
Este imparable ascenso en inversión bélica contrasta co descenso nun 17,3% no orzamento do ministerio de sanidade respecto ao pasado ano (o investimento previsto é de 2.828 M de euros). Curiosa lóxica a que leva a xustificar un incremento do orzamento militar pola proximidade dunha guerra e que non se aplica á sanidade pola existencia dunha pandemia.
Coa guerra en Ucraína, superposta á pandemia previa e ligada á crise socio-económica, estamos a vivir un novo estado de shock que nos está levando a dar por boas situacións ata hai ben pouco impensables. Dende a apertura das portas aos cereais transxénicos importados dos USA, á compra do seu gas, moito máis caro a nivel económico e ambiental (dende a obtención, mediante fracking, ao transporte), lexitimación da enerxía nuclear, ou supresión de calquera barreira ao negocio eólico, agora xa, tamén nas nosas costas. Sen esquecer, obviamente, o propio rexurdimento da OTAN, organización que, en lugar de desaparecer, estase a afianzar, aínda despois de amosar, unha vez máis, o perigo que representa para o mantemento da paz mundial.
Si vis pacem, para bellum é a máxima que non deixamos de escoitar nos últimos tempos. Con todo, considerar que a paz se constrúe preparando a guerra ten o mesmo sentido que parar á extrema dereita asimilando o seu discurso, ou que acabar coa pobreza con máis capitalismo. É evidente que mentres haxa exércitos e toda unha industria bélica que precisa dar saída ao seus produtos, así como poñer a proba novas tecnoloxías, seguiremos tendo guerras, xa estean máis afastadas ou máis próximas no espazo. Por isto, o único camiño é o desarme e a desmilitarización. Nós, seguimos apostando por esta vía, e seguimos negándonos a que os nosos impostos financien a guerra.
Fai obxección ao gasto militar!
Vigo, abril 2022
Espazo Aberto Antimilitar
Adxunto | Tamaño |
---|---|
diptico of 2022.pdf | 1.49 MB |