Non á xuntanza do Clúster de la Industria de Defensa (CID) en Vigo


O venres 25 de outubro Muéstralo SL. empresa galega organizadora da feira NAVALIA organiza en Vigo un encontro do Clúster de la Industria de Defensa (CID) baixo o título: “La retos de la industria de defensa en un escenario de incertidumbre: impacto del Informe Draghi”. Ao acto que se vai celebrar no pazo Los Escudos están chamados "profesionales de empresas y entidades relacionadas con el ámbito de la defensa y del sector naval".

Desde o Espazo Aberto Antimilitar opoñémonos a este tipo de xuntanzas que deixan de manifesto que a guerra é un gran negocio. Ante esta xuntanza lanzamos o seguinte texto:

O CID NO PAZO LOS ESCUDOS

Fiel, Leal, Valerosa e Sempre Benéfica

Divisa da cidade de Vigo

Hai 925 anos Rodrigo Díaz de Vivar acababa os seu días en Valencia, en pleno sitio almorávide da cidade. Aquel que fora coñecido polo cognome do Cid veu transmutarse co paso do tempo no acrónimo do Clúster de la Industria de Defensa. Un conglomerado de empresas sen ánimo de lucro pensado para dar servizo á industria militar, no contexto actual de rearme xeneralizado.

Precisamente Vigo é o emprazamento escollido para desenvolver a III Reunión do Consello Asesor do CID, que terá lugar o vindeiro 25 de outubro no Pazo Los Escudos. A outrora chamada Finca Miramar, propiedade do empresario Javier Sensat Curbera, o mesmo que ocupara o cargo de Delegado Militar de Abastos após o golpe de estado de 1936, será o marco dunha guerra imaxinada en forma de oportunidade de negocio. De feito o propósito desta cita, antes de máis, pasaría por realizar un diagnóstico sobre a saúde da economía europea e os seus efectos nun sector que aspira a ocupar un papel protagonista no momento presente. De aí o obxecto da reunión, “Los retos de la industria de defensa en un escenario de incertidumbre: impacto del Informe Draghi”.

Unha memoria presentada polo ex primeiro ministro de Italia, Mario Draghi, a petición da Comisión Europea e que en realidade agocha un título sintomático por revelador, O futuro da competitividade europea. Un traballo por encargo que aborda os desafíos que haberá de enfrontar a UE nun horizonte inmediato, en relación a tres aspectos de máxima relevancia no plano económico como son o desenvolvemento tecnolóxico, a eficiencia enerxética e a autonomía estratéxica respecto dos EUA e China, a fin de procurar unha saída vantaxosa á crise civilizatoria en curso.

Pero en todo caso o espírito que anima este encontro, lonxe de calquera tipo de tecnicismo, é o de crear as condicións óptimas que permitan cabalgar a onda da crecente inestabilidade xeopolítica a escala global, dada a importancia da inversión en materia de defensa no conxunto da UE e do Estado español. Se acaso a faceta máis descarnada da chamada colaboración público-privada, que ten nos territorios de Oriente Próximo un eficaz laboratorio de morte e destrución. Isto é, un estado de opinión favorable á emerxencia da guerra como forma de xestionar a xeopolítica ou mellor aínda a forma de a xeopolítica xestionar a emerxencia de guerra, co beneplácito dunha sociedade á que é necesario rescatar do precipicio da confrontación bélica.

NON AO NEGOCIO DA GUERRA!

NIN UN EURO PARA O EXÉRCITO!

ANTIMILITARISMO OU BARBARIE!

Vigo, outubro 2024