You are here
Campaña galega pola Obxección Fiscal ao Gasto Militar 2024
Desde a Coordinadora Antimilitarista Galega facemos unha chamada á desobedecer á guerra cos nosos impostos facendo Obxección Fiscal ao Gasto Militar nas declaracións da renda.
Se queredes saber como se fai Obxección Fiscal na declaración da renda visita esta web: https://objecionfiscal.info/como-se-hace-2/
Achegamos o texto da campaña deste ano co que animamos a desviar unha parte dos impostos a proxectos que procuran no cotiá facer unhas sociedades máis xustas e igualitarias:
É tempo de desmilitarizar; é tempo de desobedecer. Fai obxección fiscal!
Vivimos con guerras, conflitos armados e xenocidios, máis de 50, espallados polo mundo.
E vivimos tempos que parecen anunciar novas guerras, mesmo de natureza nuclear. Día tras día escoitamos voces chamando a prepararse para a guerra, a dedicar cada vez máis recursos á súa preparación.
Son tempos de militarización e rearme por parte dos estados.
Levamos anos asistindo, antes da guerra de Ucraína ou do xenocidio en Gaza, a un gran aumento do gasto militar e do diñeiro destinado á adquisición de armas. E como xa sabemos, á hora de elaborar os orzamentos xerais do Estado, o que se dedica a unha área, vai en detrimento doutra; o que se gasta en armamento e gasto militar, prexudica ao destinado a mellorar a calidade de vida da poboación, como a saúde, educación, vivenda, servizos sociais, loita contra a crise climática, desigualdade de xénero ou cultura.
Por outra banda, e non menos grave, esta deriva militarista do Estado español, da UE, da OTAN e do conxunto do mundo parece levarnos a un mundo máis bélico e inseguro. Esta carreira armamentística aumenta as posibilidades de novos conflitos. Ao longo da historia vimos moitas veces que a preparación para a guerra leva inexorablemente á guerra e que a paz só se consegue preparándose para ela.
Está nas nosas mans resistir estes preparativos: negar os nosos corpos, negar as nosas mentes e negar os nosos recursos para alimentar esta carreira cara á guerra, desobedecendo ás guerras nos traballos, nos impostos, e en todos os aspectos das nosas vidas.
Así, propoñemos, con máis validez que nunca, a obxección fiscal como forma de resposta mediante a desobediencia á loucura da guerra e os seus preparativos. A obxección fiscal preséntase, deste xeito, como medio para construír unha auténtica seguridade ante a falsa seguridade que proporciona a estrutura
militar.
Temos que construír e financiar, coa obxección fiscal, unha seguridade integral, apoiando a organizacións e proxectos alternativos que contribúan a garantir os dereitos e liberdades que realmente valen a pena.
Nin unha persoa nin un euro para a guerra!
Desmantela os teus impostos e crea alternativas!
Adxunto | Tamaño |
---|---|
of24 espazo.pdf | 631.75 KB |