Campaña galega pola Obxección Fiscal ao Gasto Militar 2023


Desde a Coordinadora Antimilitarista Galega facemos unha chamada á desobedecer á guerra cos nosos impostos facendo Obxección Fiscal ao Gasto Militar nas nosas declaracións da renda.

Se queredes saber como se fai Obxección Fiscal na declaración da renda visita esta web: https://objecionfiscal.info/como-se-hace-2/

Achegamos o texto co animamos a desviar unha parte dos impostos a proxectos que procuran no cotiá facer unhas sociedades máis xustas e igualitarias:

Desde a chegada da democracia, o estado español participou en máis de 100 conflitos militares. Na actualidade mantén 17 operacións militares no exterior e a súa postura coa guerra ucrano-rusa, lonxe de promover unha saída dialogada e unha solución pacífica, está, xunto coa UE, supeditada á OTAN e centrada en apoiar diplomaticamente, con cartos e material bélico, ás tropas ucraínas.

De acordo cos datos publicados polo Grupo Antimilitarista Tortuga, no que levamos de 2023 (ata o 14 de abril), o consello de ministras/os leva autorizados xa 4.289,26 millóns de euros de gasto militar, a maioría con cargo a orzamentos futuros. Desta suma, a maior parte (3.147,66 millóns), estará destinada a préstamos, a interese CERO, á industria militar para o desenvolvemento dos programas Halcón e do avión de combate EF-2000. Unha cantidade superior ao orzamento do ministerio de sanidade no 2023 (3.010 millóns de euros).

Hai moito tempo xa que sabemos que non se constrúe a paz preparándose para a guerra, senón investindo nela, e que a seguridade non nola proporcionan tanques, avións de combate ou soldados armados, senón ter as nosas necesidades de vivenda, sanidade, educación e cultura, atención á dependencia, etc. cubertas.

Por isto, continuamos esixindo un ano máis:

• Redución dos gastos militares, desmilitarización dos Orzamentos Xerais do Estado (OXE) e reorientación dos gastos militares para gastos sanitarios e sociais.

• Transparencia nos OXE, na distribución dos recursos públicos e nas prioridades políticas e rendición de contas.

• Reorientación das industrias armamentísticas para a produción de bens e recursos sanitarios e hospitalarios.

• Fin das autorizacións de envíos ilegais de material bélico a países en conflito e con indicios de uso das armas para vulnerar o dereito internacional humanitario e os dereitos humanos.

• Prohibición da exportación marítima de armamento e do atraque en portos españois de “barcos da morte” destinados ao transporte de armamento e explosivos.

• Fin da militarización das fronteiras, a externalización da xestión do control fronteirizo e do bloqueo de persoas migrantes en Canarias.

• Cumprimento das cotas de acollida de persoas refuxiadas e fin das deportacións e devolucións “en quente”.

• Recoñecemento da Obxección Fiscal como forma lexítima de protesta e de coherencia coa cultura da paz, como a obxección de conciencia.

Galiza, abril 2023