You are here
Destinos propostos para a campaña de Obxección Fiscal 2018
Dende o Espazo Aberto Antimilitar propoñemos dentro da campaña pola Obxección Fiscal aos Gastos Militares 2018 varios destinos aos cales podedes enviar os cartos que desviedes nas vosas declaracións:
- ILP Campaña en Defensa do Monte Autóctono: o principal obxectivo da campaña é o de aumentar a conservación das nosas masas de árbores e o coñecemento sobre a súa necesaria existencia, tamén como recursos produtivos e de creación de emprego.
“Cousa de Raíces” quere devolver ao noso bosque o valor que ten, a todos os niveis (ambiental, económico, social, cultural, paisaxístico, etc.), contando coa participación e apoio dos diversos sectores interesados e comprometidos coas masas arbóreas autóctonas, porque as reivindican, porque as estudan, porque as coidan, porque as precisan para vivir.
“Cousa de Raíces” pretende contribuír a este obxectivo influíndo en dúas direccións: 1) Na Administración pública, para que faga cumprir a normativa existente relativa á conservación efectiva das nosas masas autóctonas.
2) Na sociedade, impulsando unha concienciación positiva do valor das árbores autóctonas en sentido pleno: económico, cultural, ambiental.
+info: https://cousaderaices.wordpress.com
- Caminando Fronteras: o traballo deste colectivo consiste no apoio ás redes migrantes, sensibilización, coordinación con outras ONGs e denuncia.
+info: https://caminandofronteras.wordpress.com
Ademais destas dúas propostas podedes destinar os cartos ao Espazo Aberto Antimilitar. Os ingresos os podedes facer neste nº de conta > ES49 1491 0001 2630 0008 8601 e non esquezades sinalar o proxecto ao que queredes destinar estes cartos.