You are here
Destinos propostos na campaña de Obxección Fiscal 2013
Cos cartos desviados apoiase a distintos colectivos, movementos ou loitas transversais á antimilitarista, como poden ser as loitas antidesenvolvementistas ou as antirrepresivas, entre outras, que procuran a transformación radical da sociedade. A elección é vosa, aínda que sempre facemos propostas, as deste ano son:
- Cárcere=tortura: preto de 50 persoas presas en todo o estado español, que viven nas súas carnes o significado da tortura, están levando a cabo o arduo labor de visibilizar e facer presión dende dentro para que todo isto remate, a través de folgas de fame, patio e "chapeos", escritos ao congreso e a distintos organismos responsables, recollida de sinaturas, etc. dando vida así á campaña Cárcere=tortura.
Por iso, dende fóra, propoñemos conseguir que se fale do asunto por medio de mobilizacións e estratexias comunicativas abrindo o debate e unha investigación colectiva dende posturas verdadeiramente críticas...
Isto é polo tanto, unha chamada á unión e coordinación de todos os esforzos encamiñados á erradicación da tortura. Non vamos a consentila!
+info: carceligualtortura.blogspot.com.es
- Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños: Corcoesto, parroquia do municipio coruñés de Cabana de Bergantiños, enfróntase á ameaza da reapertura das minas de ouro existentes no seu territorio por parte da multinacional canadenca Edgewater Explotation Ltd. Un proxecto que suporía a apertura dunha mina a ceo aberto de 774 ha, xerando un cráter dun quilómetro e medio e unha balsa de residuos tóxicos e auga con cianuro comparable á que provocou o desastre de Aznalcóllar no parque nacional de Doñana.
Dende que o proxecto se deu a coñecer, a veciñanza de Cabana comezou unha intensa campaña de oposición á mina e en defensa das terras de Corcoesto e Bergantiños.
+info: nonaminadecorcoesto.blogspot.com.es
- Ademais ofrecemos a oportunidade de que os vosos cartos tamén poidan ir dirixidos ao Espazo Aberto Antimilitar: punto de encontro de colectivos e individualidades que cuestionan a existencia do exército como institución; tentando manter o debate sobre a súa utilidade e conveniencia, os seus fins e a súa realidade, e denunciando a crecente militarización da sociedade, así como o desproporcionado gasto humano e económico que supón o seu mantemento.
Os vosos cartos nolos podedes facer chegar á conta do Espazo (Novagalicia): 2080 0046 31 0040026408, lembra que debes indicar "obxección fiscal ao gasto militar" e o nome do colectivo ao que queres que vaian. Se ingresas cartos a outro colectivo, fainolo saber para estimar o número de obxeccións.