You are here
O Espazo entrevistado en Sermos Galiza
O semanario Sermos Galiza dedica esta semana o seu A Fondo á cuestión do antimilitarismo, e dentro do especial podedes ler esta entrevista que colectivamente respondimos as xentes do Espazo Aberto Antimilitar:
- Desde a suspensão do serviço militar obrigatório, a presença social do discurso antimilitarista parece ter minguado. Deixou de ter sentido?
Certamente coa desaparición do SMO o discurso antimilitar clásico perdeu forza, mesmo até diluirse, porén nunca deixou de ter sentido. Continuamos vivindo nun mundo fortemente militarizado, e o estado español é un bo exemplo. Era, no ano 2014, a sétima potencia mundial en exportación de armamento. Posúe, ano tras ano, un gasto militar desorbitado, que adoita triplicar ou cuatriplicar o orzamentado. Continúa a ser membro de OTAN e apostando por unha política internacional claramente intervencionista, con presencia na actualidade en seis zonas do mundo. E non podemos esquecer, dende logo, o seu papel no interior do estado: existen amplos territorios totalmente militarizados, principalmente en Andalucía ou Canarias. O exército é o segundo propietario de terras a nivel estatal, adicadas moitas delas á especulación inmobiliaria, e aínda así continúa a ocupar terreos comunais, do que temos bo exemplo en Galiza.
A través da UME (Unidad Militar de Emergencias) a presenza do exército exténdese cada vez máis a ámbitos anteriormente civís. A Guardia Civil, corpo paramilitar, continúa operando e a policía é un corpo cada vez máis militarizado. E aínda así, o exército segue estando aí cando é necesario controlar unha folga ou garantir a ‘unidade do estado‘. Pero, ademais, podemos ver como o militarismo, e os seus ‘valores‘ de autoritarismo, xerarquización, obediencia debida, control, etc. impregnan as novas leis represivas e de control social que se están a impor.
A realidade é que agora e mais necesaría que nunca a crítica ao exécito, como baluarte que é do inxusto sistema que vivimos e ao militarismo en xeral.
-Mas parece que alguns discursos da esquerda, como Podemos, renunciaram completamente ao antimilitarismo de tempos atrás, chegando a apoiar "círculos militares".
Podemos reflicte perfectamente como o discurso político debe adaptarse segundo a quen se dirixa. Aí está o fío entre o populismo e Podemos. Quizais non se trate tanto da necesidade dun programa específico sobre a cuestión da defensa nacional como captar posíbeis votantes entre as tropas. Un medio tan oscurantista como o exército pode ser, de saber facelo, un medio para acadar maiores cotas de poder. Recoñecer o papel do exército é poñelo en valor; isto é abrir unha posibilidade de diálogo entre ambas as partes que se recoñecen como necesarias para o xogo democrático.
- Agora que os processos soberanistas estão no debate, quais as alternativas à defesa militar para aqueles territórios que se desliguem do Estado espanhol?
A que eles propios decidan, de aí o soberanismo.
Non entanto, para nós, a cuestión está no tipo de modelo social que permita avanzar nese proceso de cambio. Non basta con desligarse senón como desligarse. Unha Galiza capitalista, poñamos por caso, fóra dun Estado español capitalista non é unha solución de cambio senón de continuidade.
- A perpétua "guerra contra o terrorismo" continua servindo para justificar um gasto militar desorbitado?
Por suposto. Pero a súa importancia vai moito máis alá. Serve para xustificar a militarización de cidades e vías de comunicación, o control social máis absoluto e a desaparición do respeto aos dereitos humanos máis básicos, e non só mediante intervencións directas, senón a través da ferramenta máis importante de control: o medo.
-Frente a isto, defendeis a insubmissão fiscal ao gasto militar, mas ainda é pouco conhecida. Qual a sua importância na Galiza?
A realidade é que obxección fiscal, en termos cuantitativos, non ten unha gran importancia en Galiza. Na pasada campaña (2014) rexistramos 14 obxeccións, que representaron un intento de desvío de 1.472 euros dos gastos militares a gastos sociais.
Pero, en todo caso, é un exercicio de desobedencia civil e unha práctica antimilitarista totalmente válida e lexítima. Ademais, para nós as campañas a prol da obxección fiscal continúan sendo unha ferramenta para manter presente o discurso antimilitarista dentro da sociedade e amosar alternativas que consideramos que si axudan a defender os intereses reais da sociedade e das persoas.
- Tem-se associado às forças armadas com importantes tramas de corrupção, incluído o negócio dos incêndios florestais. Qual a realidade detrás destas insinuações?
Nós non manexamos información privilexiada, así que o único que coñecemos, ao igual que calquera outra persoa, son as denuncias que teñen saído á luz recentemente por parte dalgúns militares e todas as que dende os colectivos antimilitaristas se levan facendo ao longo do tempo. Relacións de políticos con empresas ás que se lle adxudican contratos millonarios, compras de materiais innecesarios e desfasados, sobrevaloración de custes...Coidamos que, tendo en conta o carácter desta institución e as astronómicas cantidades de cartos que manexa, as denuncias de corrupción resultan fáciles de crer.
- As portas giratórias também existem no mundo militar, em particular com a sua indústria associada. Que importância tem esta indústria na Galiza?
Non é que tamén existan portas xiratorias, senón que é quizais un dos eidos no que máis xiran e un dos mellores exemplos é Pedro Morenés. Foi secretario de estado de defensa no goberno Aznar ( grazas ás súas decisións daquela, e a aprobación dos seus sucesores, a débeda do estado coa industria militar “ española“ é de nada menos que trinta mil millóns de euros), pasou, despois de ocupar outros cargos políticos, a conselleiro de Instalaza (fabricante de bombas ‘de racimo‘) e diretor xeral no estado de MBDA (fabricación e venta de mísiles) para voltar ao goberno como ministro de defensa, cargo que ocupa a día de hoxe, onde unha das súas prioridades é a creación do “polo” militar-industrial español. Un intento por copiar o complexo militar-indistrial norteamericano e que reforza esa interconexión entre industria militar e estado.
En canto á importancia industria militar en Galiza descoñecemos se existe algunha remcopilación de datos cuantitativos sobre o seu peso no PIB ou a cantidade de postos de traballo dependentes. Do que si dispoñemos, grazas ao informe feito polo Centre Delàs (Centre de’Estudis per la Pau) en novembro do 2013 é dunha relación das empresas e industrias existentes que naquel momento chegaban á decena. Algunhas adicadas totalmente á industria militar, como era Santa Bárbara e outras que
o combinan coa produción civil. Atopamos dende empresas de tecnoloxías da información como Zentis, cunha delegación na Coruña; tecnoloxía aeroespacial como Tekplus Aerospace, en Pontevedra; URO adicada á fabricación vehículos pesados, en Santiago, ou no eido da construción naval Rodman Polishyps en Vigo, sen esquecer Navantia, en Ferrol.
- No entanto, vozes supostamente antimilitaristas têm justificado a necessidade e continuidade destas indústrias como fonte de emprego.
O emprego converteuse na pedra filosofal que xustifica calquera barbaridade, dende a destrución medioambental á invasión dun país. Que a creación e emprego sexa actualmente a principal reinvindicación sindical e das autonomeadas forzas da esquerda en xeral, da unha idea da desfeita social na que nos atopamos. De todos os xeitos, ninguna voz que xustifique a existencia da industria militar se pode cualificar de antimilitarista e pódese dubidar que realmente o tivese sido.
- Nos últimos anos tem-se falado muito dos drones na Galiza. Temos motivos para estar preocupadas?
O dron non deixa de ser un 'refinamento' da maquinaria bélica e un elemento máis na banalización da guerra. Agora o piloto de combate ten a posibilidade de almorzar coa famila, levar os fillos ou fillas á escola e logo pode salvagardar os intereses patriotico-empresiarias de turno, comodamente sentado, con total seguridade. A única diferencia cun videoxogo é que ten gráficos 'reais'. Conciliación total da vida militar coa vida civil, incluso en combate, cando menos para unha élite, claro. E isto mentras non se perfeccionen as tecnoloxías para facelo todo de xeito automático.
Certo é que un dron non implica forzosamente un uso militar ou de control social, pero si implica que o complexo industrial militar aposta polo seu uso civil ou o que é o mesmo, pola ampliación do negocio.
Motivos para estar preocupadas sobran.