You are here
Insubmisión: 25 anos desobedecendo
O 20 de febreiro de 1989 presentáronse colectivamente ante as autoridades militares 57 insubmisos ao servizo militar obrigatorio (SM) no estado español, dous deles en Galiza.
Anos antes, a comezos de 1976, o galego Miguel Escariz, catro meses antes de rematar o servizo militar, declarárase obxector, sendo encarcerado durante un ano.
Eran os primeiros pasos da andaina da obxección de conciencia ao SM por motivos non relixiosos, comezada no estado por Pepe Beunza no 1971, e que se foi organizando no MOC (movemento de obxección de conciencia).
En Galiza formáronse inicialmente grupos do MOC en Vigo, A Coruña e Santiago, estendéndose posteriormente a Ferrol ou Muimenta (Lugo) a mediados dos oitenta. Nesa altura, logo das mobilizacións contra a OTAN do 82, nacen tamén o grupo Anacleto Obxecta na Coruña, o colectivo Rompanfilas en Compostela (1987), o MOCO en Ourense e Corneta Obxecta en Lugo, e en 1988 a ANOC (asemblea nacional de obxección de conciencia).
Ao comezo dos anos 90 había declarados no estado máis de 1.200 insubmisos, pero ata maio de 2002 chegarían a ser máis de 20.000. Catro mil deles serían xulgados e case dous mil encarcerados.
Durante eses máis de dez anos de loita optouse maioritariamente no movemento de insubmisión pola desobediencia e a chamada acción directa non violenta, adaptando a súa estratexia aos retos que as novas leis, dirixidas a desactivar e invisibilizar o conflito, ían impondo; dende o rexeitamento á incorporación a filas ou á prestación social substitutoria ata a insubmisión aos cuarteis ou a desobediencia ás penas de inhabilitación.
Porén, a gran vitoria do movemento de insubmisión non foi a desaparición do SM obrigatorio, senón a potenciación do espírito antimilitarista na sociedade e a incorporación de novos repertorios e discursos a outras loitas.
Vigo, abril 2014
Espazo Aberto Antimilitar