You are here
A industria da guerra fóra de Galiza
O Espazo Aberto Antimilitar a raíz da publicación de que o Pentágono quere instalar en Trasmiras (Ourense) unha base de avións non tripulados elaboramos o seguinte texto:
Bases norteamericanas, fábricas de armas... a cambio da promesa de miles de postos de traballo directos e indirectos, a recuperación económica de zonas deprimidas, abandonadas e azoutadas pola emigración como Ourense.
Promesas difíciles de rebater en situacións dramáticas como as que vivimos, con miles de persoas sen traballo. Pero temos que pararnos un momento e pensar ata onde nos imos vender a nós mesmas e o noso territorio para obter uns postos de traballo, todas as zonas afectadas pasarían a ter control militar. As zonas civís sufrirían as “molestias” de estar supeditadas ao militar, ruídos, riscos de accidentes, prohibicións de paso en zonas antes libres, vixilancia e escrutinio das persoas propio de estados de sitio...
A pesar da situación temos que poder plantarnos e rexeitar ser cómplices coa industria da guerra e a morte, xa que ese é o único uso destes “drones” ultramodernos sacados da ciencia ficción. Por que non se usan ese miles de millóns en crear empregos que melloren as vidas das persoas, o equilibrio do planeta, ou fomenten as boas relacións entre os pobos? Pero cando o seu único interese é dominar o mundo e os mercados, eses nunca son uns bos investimentos.
Por que nestas situacións de crises mundiais, a industria militar produce máis que nunca e segue a xerar uns beneficios obscenos a base de botar máis leña a conflitos arredor do mundo?
Quen quere seguir vendendo a súa soberanía territorial a estados terroristas como o norteamericano,por unhas ou en troques de vanas promesas de riqueza? Actuariamos como se fósemos o seu protectorado militar, un lugar onde organizar as súas accións armadas ilegais por todo o planeta.
Mentres Obama poñía boa cara nas portadas da prensa coas súas promesas de pechar as cadeas ilegais da CIA ou Guantánamo, así como vendendo a colaboración internacional na captura dos líderes de Alqaeda; nos últimos anos dedicou boa parte dos esforzos económicos, tecnolóxicos e estratéxicos da chamada Guerra Contra o Terrorismo en desenvolver programas clandestinos de despregue de “drones”, avións non tripulados que son usados para espiar a países “amigos” e “inimigos” e cometer asasinatos en calquera lugar do mundo. Os obxectivos: persoas sospeitosas de ser terroristas ou de colaborar con grupos considerados terroristas polos USA (guerra sucia sen tripulantes, sen alma, sen remordementos, sen dereito a xuízo, sen dereito a defensa...).
É esta a industria sobre a que construír a recuperación económica de Galiza? Facernos cómplices dos crimes dos USA? Trocar os cartos pola nosa alma e o sangue de terceiros? Os argumentos de que se non se fai aquí, fárase noutro sitio, ou que as guerras non as fan as armas senón as persoas, só poden tranquilizar a quen queira construír unha sociedade sen máis ética que a de beneficiar os intereses económicos destas grandes industrias militares e os intereses das superpotencias mundiais...