You are here
Denuncian que Galiza pode construír drones que matan en Palestina e Afganistán
Colamos a seguinte nova que podemos ler en Galicia Confidencial:
A viceportavoz do grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Yolanda Díaz, acusou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de "mentir" sobre o carácter civil do aeródromo de Rozas, e denunciou que alí se desenvolven proxectos militares.
Neste sentido, o deputado Ramón Vázquez dixo que na pasada semana e a actual está a probarse o modelo Searcher MKIIJ, que xa foi utilizado na guerra de Afganistán e en Palestina, un conflito en que en 2014 morreron 2.200 persoas, delas 500 menores e cun 37 por cento das vítimas causadas polos drones.
Mostrou unha foto do dron en probas en Rozas, sinalou que ten 8 metros de envergadura, voa a 12.000 pés e ten 12 horas de autonomía, polo que insistiu en que é "ridícula a pertinaz insistencia de Feijóo no engano", pois estas características non indican un uso civil. Por iso, suliñou, esta iniciativa pon en perigo a seguridade dos galegos, ademais de dirixir recursos públicos a empresas como Airbus Defense ou Boeing.
Ademais, lembrou que Israel vende o 60 por cento dos drones militares que se comercializan no mundo e que a tecnoloxía que se está utilizando é dos drones israelís e "moi vinculados a intereses do actual ministro de Defensa". Por iso, chamou a atención sobre o “interese” que a embaixada israelí pon no traballo parlamentario en Galicia.
AGE denunciou que demandaron por escrito os certificados das axencias española e europea de seguridade aérea sen que os recibiron e lembrou que o actual delegado do Goberno, Santiago Villanueva, cando era director xeneral de Emerxencias, "acabou recoñecendo" en comisión parlamentaria que se trataba dun proxecto para a OTAN.
Yolanda Díaz insistiu en que o proxecto Atlante, que se desenvolve "por completo" en Rozas, pertence ao ministerio de Defensa e os aparellos atópanse agora en "proceso de artillaxe". Fixo referencia así mesmo á "xornada polémica" antes do verán en Outeiro de Rei, con presenza de altos cargos militares e multinacionais do sector e á que asistiron tamén pequenos construtores galegos que comentaron que se trata dunhas instalacións, con, por exemplo, unha pista dun quilómetro, que lles resulta excesiva para os seus proxectos.
Por iso, concluíu que o único que demanda o seu grupo é "luz e taquígrafos", porque os galegos teñen dereito a saber "o que está a pasar", para o que rexistraron unha interpelación ao Goberno autonómico.
---
Fonte: http://www.galiciaconfidencial.com/nova/25831-denuncian-galicia-pode-con...