You are here
Cubrámonos do militarismo: campaña pola Obxección Fiscal ao Gasto Militar 2016
Xa temos a campaña galega pola Obxección Fiscal ao Gasto Militar 2016. Este ano o lema que empregamos é "Cubrámonos do militarismo".
O domingo, aproveitando a mani do 1º de maio repartiremos centos de folletos. Por se non andades en Vigo aquí deixamos o enlace para que descarguedes > http://arkipelagos.net/fiscal_2016.pdf
Cubrámonos do militarismo
A 30 anos do referendo, a OTAN pouco ou nada mudou na súa razón de ser, en tanto que fenómeno histórico. Desde a progresiva militarización da sociedade -cun gasto militar que non deixou de medrar a pesares da crise económica-, á resolución de conflitos unicamente pola vía armada, o crecemento e diversificación da industria militar ou o feito de o Estado español se converter nun importante comerciante de armas a nivel internacional.
O número de guerras e conflitos armados na actualidade, con moito superior ás cifras que os organismos oficiais manifestan, corroboran a íntima relación entre escalada bélica e economía.
Guerras e conflitos armados que provocan a destrución e devastación dos propios territorios, milleiros de vítimas entre a poboación civil e un número incalculábel de persoas desprazadas na procura de refuxio ou asilo.
Ante isto a resposta en materia de política exterior da UE, aliada da OTAN, está a ser crear campos de concentración, erguer muros, facilitar expulsións masivas a terceiros países e intervir unicamente para protexer os intereses económicos e xeopolíticos de occidente.
Desde o Espazo Aberto Antimilitar acreditamos na necesidade de incidir na loita contra o militarismo en todos os ámbitos da sociedade, e, consecuentemente, tomamos partido a favor da chamada “Cláusula contra o uso militar da ciencia”, incorporándoa este ano na campaña a prol da Obxección Fiscal aos Gastos Militares.
Dita cláusula froito da iniciativa conxunta entre a Asemblea Antimilitarista de Madrid e Ciencia para el Pueblo, dada a coñecer a finais de 2015, como medio para incentivar á comunidade científica a tomar partido pola desmilitarización en todas as súas formas e baixo todos os seus aspectos.