Crónica da charla de Utopía Contagiosa na Cova dos Ratos


Este sábado 1 de xuño, dentro da campaña pola obxección fiscal aos gastos militares 2013, tivemos a visita de dous integrantes do colectivo Utopía Contagiosa no acto que dende o Espazo Aberto Antimilitar organizamos na Cova dos Ratos.

Fíxose na charla un repaso polos diferentes aspectos que xustifican a afirmación de vivirmos nun estado militarizado, prestando especial atención aos gastos militares, fundamentalmente ao gasto militar oculto (10 dos 13 ministerios do governo español teñen partidas dedicadas ao gasto militar), pero tamén ás atribucións cada vez máis amplas do exército español ou á persistencia na nosa sociedade, e o seu fomento dende as diferentes estructuras do estado, dos "valores militares" (submisión, obediencia cega, xerarquización, etc.).

Fronte a este análise, Juan e Pepe (integrantes de Utopía) propuxeron un exercicio de reflexión sobre o intese que o modelo de defensa do estado pode ter para a sociedade, e fronte a el, cales serían realmente os aspectos que colectivamente nos podería interesar defender.

Para concluír, o turno  de intervencións e preguntas serviu para afondar nalgúns aspectos como a importancia a e composición da industria militar no estado español ou as estratexias antimilitaristas como a obxección fiscal; a súa historia, presente, e posible proxección.