You are here
ContraMINAcción convoca unha manifestación para frear a minaría salvaxe promovida pola Xunta
Representantes de varias das organizacións que integran o colectivo ContraMINAcción convocan unha grande manifestación en Compostela para o vindeiro 2 de xuño, que partirá ás 12:00 horas da Alameda. Con esta manifestación, que as entidades organizadoras auguran masiva, preténdese expresar o rexeitamento que está a xerar o incremento de concesións mineiras en Galiza por parte da Xunta sen atender á salvagarda de espazos protexidos, comunidades humanas e medio ambiente; nin á defensa dos miles de persoas e postos de traballo que están ameazados polas actividades extractivas dunhas poucas empresas.
O goberno galego quere facer de Galiza unha mina. Está malvendendo o noso territorio, cachiño a cachiño, ás multinacionais mineiras. De paso, saca un Plan Sectorial de actividades extractivas que pon a minaría por riba de calquera outra actividade. Mesmo por riba das que nos permiten obter os nosos alimentos, como se fose máis importante obter minerais que alimentarse.
Non podemos permitirllo. Non deixaremos que nos rouben o noso futuro. Vén con nós o día 2 berrarlle á Xunta que queremos conservar o noso territorio. GALIZA NON É UNHA MINA