You are here
Acto en Vigo contra o Gasto Militar e pola Obxección Fiscal
O sábado 17 de xuño ás seis da tarde, unha trintena de antimilitaristas xuntámonos no cruce entre Príncipe e Colón para levar á rúa a campaña galega pola Obxección Fiscal aos Gastos Militates 2006.
En Vigo levamos adiante esta campaña a xente do Espazo Aberto Antimilitar (Ateneo Libertario, CGT, Asociación Caleidoskopio e GAS), rematando así a campaña que durante estes meses levounos a facer charlas en “A Cova dos Ratos”, “A Revolta”, a parroquia do Cristo da Victoria, a tenda de comercio xusto “Crisol” e a poñer unha mesa informativa o 1 de maio.
Durante dúas horas, varias militares pertrechadas con armas grotescas (pero pouco perigosas e aínda co prezo á vista) fixeron intentos de desfilar, ameazantes manobras que incluían ás persoas que paseaban e mesmo algún intento de acción humanitaria fronteiriza. Todo isto comandado polo seu rei (que como todos saben é o comandante de todos os exércitos).
Ao mesmo tempo dispuseron pola praza todo o seu flamante arsenal: un Mísil Autopropulsado, un tanque Leopard e un Portaavións, tamén todo isto acompañado do seu prezo en euros e en equivalencia social.
Mentras ocorría todo isto, as antimilitaristas tivemos primeiro que negociar cun dos “Corina Boys Municipais” que non comprendía que o permiso para o acto nos permitise poñer música "punkarra" antimilitarista a todo volumen, polo que tivemos que cambiar a “In the navy” de Village People e “Bombas Bombas” de Paco Pil para que nos deixase en paz.
Superado este primeiro atranco, concluimos a decoración con aramio de espiño e unha gran calavera na histórica farola da praza, un par de pancartas pegadas no escaparate do Central Hispano, e o noso mural do ano pasado apoiado nunha desas paredes.
E comezamos coa nosa actividade cultural/escolar do día, que consistiu en montar e logo pintar colectivamente un crebacabezas explicativo de cómo despilfarran os nosos cartos en gastos militares e a que outras fins máis lóxicas se poderían dedicar eses recursos.
Durante todo o acto tivemos unha mesa informativa sobre a Obxección Fiscal e repartimos medio millar de trípticos. Lemos varias veces un comunicado no que recordamos a falsa impresión de humanitarismo que os gobernos pretenden dar dos exércitos modernos, e as cifras astronómicas de gasto militar no estado español (tanto en material, como en investigación), ao mesmo tempo que se escamotean fondos necesarios para axudas sociais, educación, sanidade, vivenda, transporte, etc.
+ info e fotos en: http://galiza.indymedia.org/pt/2006/06/7457.shtml