24 maio de 2014 - Día internacional das mulleres antimilitaristas


Deixamos esta convocatoria:

A Cordenadora Local de Vigo da Marcha Mundial das Mulleres organiza unha acción na Praza dx migrante (Travesas), para conmemorar a data na que as mulleres visibilizamos o significado das palabras militarización – guerra – explotación dos territorios e paz, dende a perspectiva de xénero.

Música, leitura de textos e poesías a partir das 18:00. ESPERÁMOSTE!

Na barbarie de calquera guerra, as mulleres, consideradas individual e socialmente, experimentan unha maior perda no desenvolvemento dos seus dereitos humanos. As mulleres,vítimas da violencia da guerra, sofren torturas, asasinatos, masacres, detencións, igual que os homes, pero ademais son vítimas dunha específica violencia de xénero engadida.

En situacións de conflito bélico e pos-bélico, as mulleres son sometidas a todo tipo de humillacións, vexacións, violacións, agresións físicas e psicolóxicas, en definitiva, ao acoso do inimigo como unha estratexia máis de guerra. As mulleres nas zonas de guerra son a miúdo violadas, obrigadas a prostituírse, asasinadas ou forzadas a prestar axuda de calquera tipo. A súa vida e o control do seu corpo, os seus sentimentos e pensamentos militarízanse en base a prioridade dalgún exército ou policía militarizada, cuxos funcionarios as utilizarán de acordo as súas nocións de “defensa” e “inimigo”.

etiquetas: