Deixando de lado a desconsideración que o termo "mouros" e a mesma idea formulada supón para coas poboacións do Norte de África, tal mito parte dun profundo descoñecemento de Historia e Xeopolítica.
Na Idade Media (os tempos do Guerreiro do Anteface, dos que parece escapado o concepto da "invasión dos mouros") os diferentes estados pugnaban pola hexemonía e iso facíano a base de guerras cruentas entre reinos co fin de conseguir máis territorio. Tal cousa foi evolucionando pouco a pouco ao longo de toda a Idade Moderna, e xa a partir da Segunda Guerra Mundial o territorio deixou fundamentalmente de ser un factor de poder e riqueza de tal forma que a día de hoxe pode ser máis rico e próspero un pequeno estado sen materias primas como Holanda, que un grande estado que si as ten como Sudán ou Congo. Os estados dende entón seguiron pugnando por ser máis "ricos" ou potentes que os veciños, pero a batalla realizouse en terreos económicos e non trazando liñas nos mapas.