Mentira 10 - "É utópico pensar nunha humanidade sen exércitos: os que afirman iso son uns extremistas"


Chámanos a atención que se critique o "extremismo" dunha xente que fala de mellorar a sociedade cara á paz e o desarme e que só emprega medios noviolentos para iso.

É curioso, pero a nós o extremo parécenos que é a mesma realidade na que vivimos.

O planeta vai ao desastre ambiental se non se modifican as políticas actuais. Os políticos e industriais que permiten que se siga contaminando dunha forma suicida non son considerados extremistas pero os ecoloxistas que denuncian o perigo que corremos todos si son riscados de radicais.

O mesmo cos pacifistas. Os que fabrican armas, as venden, arman exércitos e crean guerras son honorables cidadáns, pero os que critican iso son extremistas.

O mundo ao revés.

Na nosa opinión o feito de que unha cousa sexa a maioritaria e a que a case todo o mundo lle parece ben non lle quita un gramo da súa posible gravidade. Hai que decatarse de que sobre diferentes temas hai uns medios de comunicación que conseguen que a maioría da xente acabe pensando o mesmo. Pola contra, que só un grupiño, unha minoría, defenda unha idea non lles converte en extremistas polo feito de ser poucos.

A paz mundial actualmente non se dá pero, non é posible aspirar a ela? Por que non? Hai unha frase que di "as utopías de hoxe son as realidades do mañá" e outra que di "querer é poder". Como non chegará seguro é cruzándonos de brazos e quedando sentados lamentándonos do mal que está todo e do imposible que é cambialo. Hai que "armarse con maiores doses de optimismo e esperanza". Ao final foron os utópic@s e os idealistas sempre os que que fixeron avanzar a Historia.

Que unha realidade negativa, como a existencia dos exércitos, leve sucedendo moito tempo non significa que non poida chegar un día en que esta cambie. Por exemplo a institución da escravitude foi "normal" e estivo oficialmente regulada en case todas as sociedades humanas dende a prehistoria ata o século XIX. Hoxe, a pesar das modernas formas de escravitude que aínda se dan, na maioría do mundo resúltanos aberrante. Se as persoas que loitaron por abolila tivesen crido que as tradicións negativas non se poden cambiar, hoxe en día seguiría existindo a escravitude na súa forma clásica.

O mesmo acontece con con outras cuestións e mesmo coas militares. Na primeira guerra mundial loitouse con armas químicas. Na segunda lanzáronse bombas atómicas. Hoxe en día hai convencións que tratan de "humanizar" a guerra e están prohibidas armas que se fabricaban en España ata hai uns poucos anos (minas antipersoa) e que se acaban de deixar de fabricar (bombas de acio). Por que non continuar por este camiño dando pasos cada vez máis importantes e máis profundos que nos leven máis pronto que tarde a unha completa desmilitarización? Por que ese empeño en que non se pode? Por que ese pesimismo con respecto ás capacidades dos seres humanos? A quen lle interesa realmente que pensemos con ese nivel de derrotismo e pouca confianza na nosa especie? Quen sae beneficiado/a se este xeito de pensar se estende?

Vía: www.antimilitaristas.org

etiquetas: