Mentira 8 - "O noso exército soluciona emerxencias en casos de catástrofes"


A UME é o último coello que sacou da chistera (ou do quepis) Zapatero. Non imos negar que a Unidade Militar de Emerxencias poida facer o seu traballo con profesionalidade e/ou abnegación. Diso ben sacan peito políticos e militares. Pero a santo de que vén tanto autobombo? É que bombeiros e brigadas de extinción de incendios non son profesionais e non traballan con entrega e sacrificio ante situacións moi duras? É curioso, pero aínda que haxa decenas de brigadas de persoal civil apagando un lume ou buscando un cadáver nun río, cada vez que a UME despraza un camión cisterna ou unha unidade calquera a facer calquera cousa iso é noticia no telexornal e o outro non. É que eles -os militares- ao igual que os bombeiros, non o fan por un soldo? Os militares da UME acaso apagan o lume gratis?

A UME é unha xogada de mercadotecnia máis do goberno do PSOE no seu afán de "modernizar" a imaxe das forzas armadas. A súa razón de ser non é a necesidade do servizo senón a grande oportunidade que ofrece para rendibilizalo en forma de publicidade. Porque se realmente se quixese potenciar a resposta en caso de catátrofes, coa metade de diñeiro que custa a UME se podería contratar ao dobre de persoal civil para facer esas mesmas tarefas de forma máis efectiva. Todo o militar sempre sae máis caro que o civil. E non se nos esqueza que os militares non son bombeiros nin socorristas. Están adestrados para ser militares e logo dánselles uns cursos para o outro. Poñamos no seu lugar a verdadeiros bombeiros, médicos e socorristas, ben preparados, e coas súas titulacións e mesmo crearemos máis postos de traballo.

Vía: www.antimilitaristas.org

etiquetas: