Mentira 7 - "O noso exército é humanitario"


Non é certo que os exércitos se dediquen preferencialmente a tarefas humanitarias. Segundo datos do propio Ministerio Español de Defensa só un 1% do gasto da misión en Afganistán, que é cuantiosa, emprégase en axuda humanitaria. Investimento que lles sae ben a conta, xa que é a escusa perfecta para realizar unha publicidade enganosa con respecto ao que os militares realmente fan alí.

Os exércitos non existen para ser oenegés. O seu sentido e misión é outra. Diso quéixanse mesmo militares españois de alto rango; de que a base de tratar de disfrazar de rosa ante a opinión pública o que o exército é, os políticos chegaron a desvirtualo. Un exército existe para exercer a política pola forza das armas, e esa é a súa razón de existir. Para iso recrútase xente, formáselle, adéstraselle, e gasta un diñeiral en armamento e non en lapis ou medicinas.

Duns anos a esta parte os políticos tratan de "adornar" as misións militares no estranxeiro, que como salientamos en epígrafes anteriores, ten as súas claras motivacións económicas, con todo tipo de xestos de cara á galería, e especialmente de cara á televisión. Militares que reparten comida á xente, que xogan cos nenos, que curan enfermos etc. etc. Propaganda, propaganda e propaganda. A realidade é que ese tipo de actividades nunca son a razón da presenza militar nun escenario bélico no estranxeiro. Vaise a outras cousas, pero aproveitando que se está alí e que se ten tempo libre (se se ten, porque en Afganistán teñen todo tipo de problemas militares e bastante fan con seguir vivos) o Ministerio de Defensa gástase unhas fragullas do seu enorme orzamento nestas tarefas que lle son tan rendibles mediáticamente e que tan ben se esforzan en difundir, ao contrario que o resto de cousas que suceden nestes sitios.

O certo é que este tipo de intervencións dubidosamente "humanitarias" que realizan nestes lugares os exércitos están moi denunciadas por todo tipo de organizacións independentes de solidariedade que traballan neses países. Están denunciadas porque usurpan a súa tarefa e acaban poñendo en perigo os cooperantes, que acaban sendo inindistinguibles dos soldados por parte da poboación civil. Tamén están denunciadas porque a axuda que dan é ínfima e o seu custo é máximo. Hai todo tipo de estudos que comparan o custo de actuacións militares "humanitarias" con actuacións similares realizadas neses sitios por oenegés independentes. A diferenza de custos e resultados é un verdadeiro escándalo.

Por último dicir que se realmente as misións militares nestes países obedecesen a unha verdadeira sensibilidade e interese humanitario, co diñeiro que se gastan en desprazar un exército con todo o seu arsenal poderíanse enviar enxeñeiros, bombeiros, médicos, é dicir auténticos profesionais no seu oficio, convenientemente formados, e non xente cuxa "profesión" é a de guerrear e que colateralmente fai outra cousa. Ademais poderíaselles enviar con todo tipo de materiais e de fondos para facer un labor verdadeiramente eficaz e duradeiro.

Un exemplo a continuación:

Cal é realmente a eficacia dos exércitos como axentes de axuda humanitaria?

Jordi Raich, coordinador de proxectos humanitarios e escritor (www.jordi-raich.com)

Texto tomado do libro "Humanitarismo militar, Militarismo humanitario", editado polo Centre Delàs:

"O exército regala arroz sen facer estudos nutricionais. Monta hospitais para operar xente de cancro cando os problemas máis grandes son as diarreas. Instala motobombas nos pozos para sacar a auga en vez de utilizar cubos, sen prever quen pagará o combustible nin de onde sairán as pezas de reposto cando se estraguen. Reparten medicamentos sen seguir os protocolos de sanidade. Apenas proporcionan formación ás vítimas e nin se lles pasa pola cabeza pensar na continuidade ou a sostibilidade dos proxectos. Basicamente, os recrutas curan e alimentan as poboacións os meses que dura a súa invasión particular. Despois, recollen os trastes e vanse coa conciencia tranquila, convencidos de ter feito un gran traballo.

(…)

Por definición o que as forzas armadas fan non é salvar vidas, senón intentar limitar o número de mortes, sobre todo entre as súas propias filas. E matar pouca xente é moi diferente que salvar vidas, aínda que moi a miúdo se mestura unha cousa coa outra. O paradigma desta farsa é esta combinación da que falei antes, de balas e arroz, que equivale basicamente a defender as vítimas primeiro e matalas despois, ou por tranquilidade das nosas conciencias, matalas co estómago cheo."

Vía: www.antimilitaristas.org

etiquetas: