You are here
Mentira 3 - "Se España non tivera exército o país sería conquistado polos mouros"
Deixando de lado a desconsideración que o termo "mouros" e a mesma idea formulada supón para coas poboacións do Norte de África, tal mito parte dun profundo descoñecemento de Historia e Xeopolítica.
Na Idade Media (os tempos do Guerreiro do Anteface, dos que parece escapado o concepto da "invasión dos mouros") os diferentes estados pugnaban pola hexemonía e iso facíano a base de guerras cruentas entre reinos co fin de conseguir máis territorio. Tal cousa foi evolucionando pouco a pouco ao longo de toda a Idade Moderna, e xa a partir da Segunda Guerra Mundial o territorio deixou fundamentalmente de ser un factor de poder e riqueza de tal forma que a día de hoxe pode ser máis rico e próspero un pequeno estado sen materias primas como Holanda, que un grande estado que si as ten como Sudán ou Congo. Os estados dende entón seguiron pugnando por ser máis "ricos" ou potentes que os veciños, pero a batalla realizouse en terreos económicos e non trazando liñas nos mapas.
Como consecuencia do anterior, no mundo globalizado no que vivimos son case inexistentes as guerras de agresión/invasión entre estados occidentais. E moito menos de países pobres cara a países occidentais. Aínda que si existen guerras de invasión doutro tipo: as que protagonizan Estados Unidos e os seus aliados sobre países que teñen petróleo ou nos que hai intereses comerciais. É dicir as únicas invasións de hoxe en día facémolas nós sobre países pobres e por motivos económicos. Proba de que son guerras con único interese económico é que nin sequera hai unha aspiración a controlar territorialmente os países "conquistados" e rapidamente organízanse eleccións para que manteñan soberanía e gobernantes propios.
O resto de guerras son conflitos internos, guerras civís, practicamente todas en países do Terceiro Mundo, moi a miúdo suscitadas polas grandes potencias ou polas súas multinacionais co fin de controlar algún recurso. Un caso claro é o de Ruanda-Congo, onde as multinacionais francesas e estadounidenses arman dende hai décadas a unhas e outras guerrillas e exércitos gobernamentais co fin de facerse co control do mineral de coltán (imprescidible para fabricar teléfonos móbiles, e que practicamente só o hai nese lugar do mundo).
Non hai máis que decatarse que os países do Magreb, tan próximos a Europa, e tan vinculados economicamente a ela, non participaron en guerra externa ningunha dende a súa independencia (agás Exipto, salpicado polo conflito Israel/Palestina) a santo de que se ían meter en aventuras medievais fóra de tempo?
Por certo que Marrocos é socio comercial da Unión Europea e candidato a integrarse nela. Unha gran parte da súa economía, de números moi inferiores aos nosos, depende de España, que lle é importante mercado e provedor. Ademais, en termos militares, é un estreito aliado tanto de España coma da Política Común Europea de Defensa, hai oficiais marroquís que estudan e especialízanse na Academia Militar Española, e unha boa parte do seu equipo bélico está formado por material comprado a España, novo ou de segunda man, e en ocasións doado directamente.
É delirante imaxinar unha invasión de España por parte de Marrocos.