"Destapando o militarismo” 1º Ciclo de cinema no C.S. Fuscalho


Partillamos a convocatoria do 1º ciclo de cinema no C.S. Fuscalho que terá lugar todos os xoves ás 20:00 dende o 19 de novembro ata o 10 de decembro.

Este primeiro ciclo xirará en torno ao polémico tema do belicismo; a idea consiste en ir proxectando ciclos mensuais en torno a diferentes problemáticas que nos parece interesante salientar…

E por que non empregar unha ferramenta tan útil e á vez tan fermosa coma o cinema.

Estes son os filmes programados neste ciclo:

Xoves 19.- Johnny colleu o seu fusil
Director: Dalton Trumbo
Ano: 1971
Xénero: Drama bélico durante a I Guerra Mundial
Sinopse: Un mozo combatente da Primeira Guerra Mundial esperta totalmente confuso nun hospital, confinado de por vida, cego, sordo e mudo e coas pernas e os brazos amputados a causa dunha explosión durante un bombardeo. Ao principio non é consciente do acontecido e en que condicións se atopa, pero pouco a pouco comeza a darse conta…

Xoves 26.- A chaqueta metálica
Director: Stanley Kubrick
Ano: 1987
Xénero: Drama bélico en torno á guerra de Vietnam
Sinopse: Un grupo de reclutas preparase en Parish Island, centro de adestramento da marina norteamericana. Alí está o sarxento Hartman, duro e implacable, cuxa única misión na vida é endurecer o corpo e a alma dos novatos, para que poidan defenderse do inimigo. Pero non tódolos mozos están preparados para soportar os seus métodos.

Xoves 3 decembro.- Armas ao ombreiro
Ano: 1918
Director: Charles Chaplin
Xénero: Comedia sobre a I Guerra mundial
Sinopse: O soldado número 13 do exército estadounidense da 1ª Guerra Mundial defende o frente cos seus compañeiros. Charlot, convencido de que vai morrer por romper un espello, non acertar nun cara ou cruz e por levar o 13 da mala sorte, sae cheo de medo da súa trincheira, pero consegue capturar a un grupo de inimigos alemáns el só. Despois disto, cre que ten boa sorte, e decide facer un traballo voluntario no que lle pasarán moitas cousas; entre elas, disfrazarse de árbore, axudar a unha muller francesa, capturar a máis alemáns e ata gañarse o respecto de toda a base americana.

Xoves 10 decembro.- ¿Teléfono vermello? Voamos cara Moscú
Director: Stanley Kubrick
Ano: 1964
Xénero: Sátira en torno á guerra fría e o holocausto nuclear
Sinopse: Convencido de que os comunistas están contaminando os Estados Unidos, un xeneral ordena, nun acceso de tolemia, un ataque aéreo nuclear sorpresa contra a Unión Soviética. O seu axudante, o capitán Mandrake, trata de atopar a forma de impedir o bombardeo. Pola súa parte, o Presidente dos EE.UU. ponse en contacto con Moscú para convencer ao goberno soviético de que o ataque non é máis que un estúpido erro. Mentres tanto, o asesor do Presidente, un antigo científico nazi, o doutor Strangelove, confirma a existencia da “Máquina do Xuizo Final”, un dispositivo de represalia soviético capaz de acabar coa humanidade para sempre.