You are here
Mentira 9 - Se se eliminase o exército perderíanse miles de postos de traballo
Non é certo que acabar cos exércitos sería eliminar postos de traballo. Estamos a falar de que a sociedade destina un auténtico diñeiral en pagar persoas que realizan un traballo que carece de utilidade social, e que dende a óptica dalguns -entre os cales nos incluímos- é claramente nocivo. O mesmo podemos dicir das persoas que traballan na industria armamentística fabricando artefactos que despois serán empregados, como puido comprobarse coa recente invasión de Gaza, en rematar coa vida de persoas inocentes.
Non pedimos que toda esta xente pase ao paro. É moi sinxelo. O presuposto militar, sen aumentarlle un céntimo e con toda seguridade cun grande aforro para o erario público, pode seguir utilizándose para seguir empregando estas persoas noutras tarefas máis socialmente útiles. Ocórrensenos mil necesidades sociais que poderían ser máis e mellor atendidas.
O mesmo para os traballadores das industrias da morte. Poden e deben deixar de fabricar armas e dedicarse ao sector civil. De feito a maioría destas empresas producen bens de dobre uso e xa teñen un pé en cada lado de cada sector.