You are here
Mentira 1 - "O ser humano é violento por natureza, así que se queres a paz, debes preparar a guerra"
A afirmación parte da interesada difusión dun erro. Suficientes estudos antropolóxicos, por exemplo o de Ashley Montagu "A violencia innata do ser humano é un mito" baseados en investigacións de campo negan tal idea:
"Por que está o mundo tan cheo de agresividade? Por que son tan frecuentes a hostilidade e a crueldade entre os seres humanos? Por que se ameazan entre si as nacións co exterminio nuclear? Por que aumenta a delincuencia practicamente en todas as partes? Cal pode ser a resposta? A máis cómoda é, dende logo, afirmar que o ser humano é un ser imperfecto, nacido en pecado e agresivo por natureza.
A verdade é, non obstante, que unha interpretación tan gratificante nos fai sentirnos moi tranquilos, libéranos de toda culpabilidade, exímenos da responsabilidade de facer todo o que poidamos para reducir a violencia que se manifesta na nosa convivencia e no mundo en xeral. Pero as respostas que o explican todo, de feito non explican nada."
A violencia que desenvolven individuos e institucións humanas está na súa gran maioría fundamentada na aprendizaxe ou cultura e non nos "instintos". Así que se nos dedicamos a "preparar a guerra" estaremos a abundar no círculo vicioso de educar ás novas xeracións para que reproduzan comportamentos violentos nunha espiral sen fin. Da mesma forma se educamos para a paz, a cooperación e a resolución noviolenta dos conflitos estaremos a sentar as bases dunha nova cultura humana na que os comportamentos violentos teñan cada vez menor marxe de posibilidade.