You are here
Chamamento á acción contra as manobras da OTAN «Trident Juncture 2015»
As manobras Trident Juncture protexen exclusivamente a unha minoría privilexiada, acrecentan o gasto militar mundial en detrimento do investimento imprescindíbel en necesidades sociais e humanitarias, como combater as consecuencias dramáticas da crise capitalista, frear a degradación ambiental, promover o comercio xusto, a solidariedade económica ou a cooperación para o desenvolvemento global do planeta. Só en 2014 o gasto militar mundial foi de 1,8 billóns de dólares, mentres que en 2016 o Estado Español consumirá 24.489,96 millóns na preparación da guerra e en control social. Na actualidade os 5 países con maior gasto militar de Europa occidental son Francia, Reino Unido, Alemaña, Italia e o reino de España.
As súas "supermanobras" incrementan a inseguridade do planeta e, particularmente, a nosa, por situarnos como escenario principal das súas operacións de guerra. Tráennos a guerra «á casa», convértennos en colaboradores directos da violencia da OTAN, e, polo tanto, en obxectivo de guerra dos seus opoñentes, alentan o terrorismo, a división social, o racismo, o medo...
Os exércitos, estas manobras, representan unha carga sanguenta para o progreso mundial, son medios de destrución irracional, de dominación económica, ideolóxica e de "conquista do poder" dos que necesitamos liberarnos polo ben da humanidade e da Terra. Por iso, e pola súa alta relevancia, facemos un chamamento á solidariedade mundial e á cooperación das sociedades na loita da noviolencia activa pola democracia real, a xustiza social e ambiental e a redistribución sostíbel da riqueza e dos recursos do planeta. Chamamos á desobediencia civil e á acción directa noviolenta contra as manobras Trident Juncture 2015 da OTAN.
Diversos colectivos estamos preparando actos de protesta e de resistencia civil durante o desenvolvemento das "supermanobras" para os que pedimos o teu apoio e colaboración. Tamén invitamos á descentralización e autoxestión da protesta (organiza a túa propia acción desobediente e coordínaa coas demais). Dende o movemento pacifista e antimilitarista de Andalucía existen iniciativas para organizar accións de desobediencia civil en Barbate do 30 de outubro ao 3 de novembro (fronte ao Campo de Adestramento Anfibio da Serra do Retín) co apoio de Alternativa Antimilitarista.MOC e da Rede Antimilitarista Europea. E en Zaragoza estamos a organizar actos de protesta do 3 ao 6 de novembro (o Campo de San Gregorio será de novo o protagonista da barbarie militarista). É urxente demostrar o noso rexeitamento á guerra e á nova ameaza da OTAN. A xente temos o poder e a responsabilidade de deter a avaricia e a súa violencia, de mellorar o noso fráxil e pequeno mundo.
Zaragoza, Planeta Tierra, 1 de Setembro de 2015
---
Contacto de coordinación: mambrú[ARROBA]nodo50.org
Coordinadora para Andalucía: andalucia[ARROBA]noalaotan.nosorganizamos.net
http://redantimilitarista.wordpress.com
Máis información, que será regularmente actualizada, na web “Insumissia” (antimilitaristas.org), sección “Maniobras OTAN «Trident Juncture» 2015”. Enlace abreviado á sección: http://j.mp/AntimilOTAN